Louzán desvela que o Goberno ten "moi avanzado" o proxecto de paseo peonil e ciclista entre Pontevedra e Marín
Por Oskar Viéitez
O presidente do Partido Popular de Pontevedra e da Deputación, Rafael Louzán, desvelou que o Goberno que preside Mariano Rajoy ten "moi avanzado" o proxecto de paseo peonil e ciclista entre Pontevedra e Marín.
Louzán sinalou que o tramo de paseo que construíu o Concello de Pontevedra "está moi ben" polo que hai tempo que falou co rexedor capitalino, Miguel Anxo Fernández Lores sobre a "posibilidade de continualo ata Marín".
A este proxecto sumouse o goberno marinense, aínda que o apoio fundamental é o da Ministra de Fomento, Ana Pastor que está a estudalo, tal e como confirmou esta mesma semana en Pontevedra.
Este venres Louzán ampliou esta información un pouquiño máis apuntando que o proxecto "está moi avanzado", e que os técnicos traballan en como "encaixar o paso para os ciclistas", segundo lle dixo o titular Fomento e que "está moi consensuado co Ministerio de Medio Ambiente e outras administracións".
Rafael Louzán valorou que este paseo será un "reclamo moi importante para a cidade de Pontevedra e tamén para Marín" e engadiu que "por iso se lle esixiu a Ence a eliminación do impacto visual da planta" de celulosa en Lourizán.
Segundo Louzán, a idea é "presentalo o antes posible" e nese sentido apunta que "vai por moi bo camiño para que iso sexa viable e razoable", concluíu.
Relacionadas:
-
Fomento "estuda" o proxecto para unir peonilmente Pontevedra e Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Multitudinaria pedalada para pedir unha vía peonil e ciclista segura entre Pontevedra e Marín
Por Natalia Puga |
-
Un informe de Tráfico aconsella prohibir o paso de peóns e ciclistas pola autovía de Marín
Por Alejandro Espiño |