Moreira presenta os 15 postos de saída da súa lista, convencido de que todos sairán concelleiros
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O candidato do PP á Alcaldía de Pontevedra, Jacobo Moreira, móstrase "convencido de que podemos llegar a sacar 15 concejales" e, froito desa convicción, este venres desvelou os 15 primeiros nomes da candidatura do partido ás próximas eleccións municipais do 24 de maio, unha lista cun 67% de renovación con respecto aos comicios de 2011.
Nos últimos días xa se deran a coñecer os números 2 (Aurora Cañizares) e 3 (Rafael Domínguez), de modo que a atención se centrou en quen ocuparía o cuarto lugar. Será María José Rodríguez Teso, que nas últimas eleccións fora número 2 do entón candidato Telmo Martín e agora volve recibir o apoio do alcaldable Jacobo Moreira.
César Abal González (5), Tomás Abeigón (6), José Luis Martín González (7), Gerardo Román Pérez Puga (8), Ana Isabel Vázquez (9), Raquel Souto Vilaboa (10), Ricardo Aguilar Argenti (11) Seila Varela Barreiro (12), Arturo Casal (13), María José Rois (14) e Iago Acuña Vieites (15) completan os postos de saída e a lista de persoas que, segundo a percepción que ten Moreira, poderán saír elixidos como membros da próxima Corporación.
María José Rodríguez Teso, César Abal González, Ana Isabel Vázquez, Ricardo Aguilar Argenti e Arturo Casal formaban parte da lista 'popular' ás últimas municipais e son actualmente concelleiros, mentres que o resto son novos nunha candidatura. Trátase, non obstante, de persoas con representación no propio partido e en Novas Xeracións. De feito, Jacobo Moreira rodeouse da actual presidenta local de Novas Xeracións do PP, Seila Varela, e do secretario provincia, Iago Acuña.
Neses postos de saída hai seis mulleres e nove homes, pero Moreira xa avanzou que a candidatura completa, que se dará a coñecer este sábado nun acto público, será paritaria en canto á porcentaxe de candidatos femininos e masculinos.
O alcaldable do PP presentoulles como unha lista de "pontevedreses entregados a Pontevedra" e un grupo de "personas que vienen a mejorar las cosas" que conforman unha candidatura que abre unha nova etapa no PP local. Esa nova etapa tamén se deixou notar na nova imaxe que presenta a sala de prensa na que compareceu este venres Jacobo Moreira, con logo renovado para a carreira cara ao 24-M.
Ademais de presentar a estes 15 primeiros integrantes da lista, o PP de Pontevedra confirmou este venres que a actual concelleira Beatriz García Riestra repetirá na candidatura, pero pechando esta, en concreto, a número 22. Con posterioridade á presentación dos postos de saída, dende o partido indicaron que ningún máis dos actuais concelleiros da Corporación estará na actual lista, de maneira que os únicos que repetirán serán o propio Jacobo Moreira, María José Rodríguez Teso, César Abal González, Ana Isabel Vázquez, Ricardo Aguilar Argenti, Arturo Casal e Beatriz García Riestra.
Relacionadas:
-
Moreira fíxase na Zona Franca de Vigo para o seu modelo económico e empresarial para Pontevedra
Por Redacción |
-
Moreira presenta, baixo a chuvia, a lista íntegra do PP: "Nosotros sí nos mojamos por Pontevedra"
Por Alejandro Espiño |
-
Rafael Domínguez dá o 'si' a Jacobo Moreira e será o número 3 da candidatura do PP en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Aurora Cañizares acompañará a Jacobo Moreira como número 2 da candidatura do PP
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
"Pontevedra no la inventó Lores", o PP arroupa ao candidato Moreira para aprobar a súa "asignatura pendiente"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |