A CIG imponse por maioría absoluta nas eleccións sindicais dos funcionarios da Xunta
Por Redacción
O sindicato CIG gañou por maioría absoluta as eleccións sindicais celebradas este xoves 16 de abril entre os funcionarios da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra. Mellorou en seis delegados as cifras dos últimos comicios e ten xa 16 dos 25 representantes elixidos polos traballadores.
O sindicato nacionalista tiña ata agora 10 delegados dos 25 totais de Pontevedra e pasará a ter 16 logo dunhas eleccións nas que o resto dos sindicatos mantiveron ou reduciron representación. CGT pasou de ter dous delegados a quedar sen ningún, UGT repite resultado con tres e CSIF e CCOO pasaron a seis e catro delegados a tres cada un.
Nas eleccións á Xunta de Persoal Funcionario da Xunta estaban chamados a votar 2.217 funcionarios en 318 centros de traballo. Finalmente, a participación foi do 46%, sendo maior a incidencia nos grandes centros que nos pequenos, debido á dispersión xeográfica.
A central sindical CIG interpreta que estes resultados supoñen un voto de castigo ás políticas do Partido Popular en relación á Administración pública. Con este aval, avanzan que van seguir no camiño da defensa dos intereses dos empregados públicos e dunha Administración pública galega e de calidade.