O xurado declara por unanimidade "non culpable" de malversación ao alcalde de Pontecesures
Por Oskar Viéitez
O xurado declarou por unanimidade "non culpable" o alcalde de Pontecesures, Manuel Luis Álvarez Angueira, e a Xurxo Gerpe Jamardo, encargado de Obras deste municipio pontevedrés, do delito de malversación de fondos públicos.
O rexedor nacionalista fora acusado por un antigo socio de goberno o entón concelleiro da Agrupación Cidadá de Pontecesures (ACP), Luis Ángel Sabariz, de utilizar recursos do concello para pagar facturas de gasolineiras e atribuír este consumo ao vehículo co que contaba o Concello para traballos na localidade durante catro anos, entre 2003 e 2006.
A acusación particular pedía tres anos de prisión e dez de inhabilitación por este suposto sobrecoste para as arcas municipais que un informe pericial estimou duns 6.822 euros.
O veredicto do xurado considera por unanimidade como "non probado" que os acusados "destinasen a usos alleos á función pública" o diñeiro pagado na gasolineira, igualmente consideraron "non probado" que o alcalde "subtraese combustible do vehículo municipal".
A lectura do veredicto por parte da voceira do xurado, ambos os dous acusados fundíronse nun forte abrazo, "pola tensión que estabamos a sufrir estes días ao comer un marrón que non nos corresponde", explicou o alcalde á saída da Audiencia.
Angueira mostrou a súa "satisfacción" por "sacarse de enriba unha lousa de oito anos". Tamén afirmou sentirse "cansado" pola súa situación e persoal e familiar despues de tantos anos "estaba xa farto de todo isto".
"Aquí non se estivo a xulgar o alcalde pola súa xestión senón que non deu a entender que se roubaba, unha acusación moi grave", comentou Álvarez Angueira, "eu ademais de alcalde, son Luis, son profesor de Filosofía, teño unha familia e isto afecta a toda a túa vida e o teu entorno".
Despois de 24 anos na corporación de Pontecesures, primeiro como concelleiro e despois como alcalde, Álvarez Angueira afirma estar farto da vida política "quero dedicarme a min". Aínda así asegura que participará na campaña electoral apoiando á candidatura do BNG, "estarei implicado pero dende a barreira", chanceou.
Respecto á denuncia do seu adversario político Luis Ángel Sabariz, manifestou Angueira que estudará posibles accións legais contra el. "Agora tócame a min", dixo.
Durante a vista oral celebrada durante dous días na Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra, o alcalde de Pontecesures defendeu a súa inocencia nun xuízo que cualificou de "político". De feito o propio fiscal insistiu en pedir a libre absolución dos acusados interesando o arquivo da causa "pola insuficiente acreditación ou xustificación do feito punible" ao entender que non existen nin probas nin indicios abondo que demostren a súa culpabilidade.