A CIG concéntrase este sábado 18 contra o Tratado de Libre Comercio
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O sindicato CIG decidiu sumarse ás concentracións de protesta contra o Tratado de libre comercio (Tratado Trasatlántico de Comercio e Investimentos - TTIP) e este sábado 18 de abril ás 20.00 horas convocan aos cidadáns ao acto que van realizar na Praza da Peregrina en contra da nova orde que se intenta establecer.
O secretario comarcal de CIG Pontevedra, Marcos Conde, alerta de que este gran tratado que se negocia entre Estados Unidos e a Unión Europea supón un perigo para as actuais condicións laborais. Ao igual que sucedeu cando Eurovegas intentaba instalarse en Madrid, o sindicato nacionalista entende que as empresas norteamericanas poderían establecerse en calquera punto de Europa, tras a firma do Tratado, sen ter que estar suxeitas á normativa laboral dos países que as acollen. Entenden que se se establecen as condicións norteamericanas se corre o perigo de perder o dereito á folga, os salarios mínimos, os convenios ou a afiliación sindical.
Conde apunta que a Unión Europea está a ceder, desta forma, a súa soberanía ante as grandes corporacións empresariais. Esta situación supoñería a perda de servizos públicos, principal inimigo do libre mercado.
Dende a CIG apuntan ademais que as consecuencias tamén afectarían ao sector alimentario xa que o mercado estaría aberto, por exemplo, a carne procedente de Estados Unidos "cargada de hormonas" a un prezo máis baixo que o comercializado aquí.
O colectivo Equo Galicia tamén organiza unha concentración polo mesmo motivo durante o sábado ás 12.00 horas na Praza da Peregrina.