Falece 'Calucas', alguacilillo da Praza de Touros de Pontevedra durante máis de 30 anos
Por Ramiro Espiño
Emilio Beloso Porto 'Calucas', alguacilillo da Praza de Touros de Pontevedra durante máis de 30 anos, faleceu o domingo no seu domicilio pontevedrés, da mesma forma que vivira os seus 89 anos de idade: con paz, co seu permanente sorriso na cara, coa súa mirada de bondade, despois dun dos seus habituais paseos e sentado no sofá da súa casa. Acompañado da súa muller e compañeira de fatigas, Idelina. Rodeado dos seus.
Calquera espectador que acudise algunha vez a presenciar un espectáculo taurino no Coso de San Roque, recordará a Calucas realizando o seu labor. Despexando a praza a pé. Entregando os trofeos aos toureiros, acompañados duns abrazos preñados de emoción que os destros agradecían e recoñecían. Como o fixo 'El Cordobés' brindándolle un touro despois da retirada do lendario alguacilillo e recollendo a devolución da súa monteira axeonllándose ante el en sinal de recoñecemento a un traballo ben feito, pero especialmente ao bo home que sempre foi.
A noticia, adiantada por Santy Mosteiro en Diario de Pontevedra, colleu por sorpresa moitos afeccionados e pontevedreses que sentían un cariño especial por 'Calucas'. Porque Emilio Beloso, ademais de exercer como alguacilillo, estendía a súa vinculación coa Praza de Touros de Pontevedra a case 60 anos atrás, repartindo publicidade dos festexos por toda a xeografía provincial, facendo labores de mantemento ou calquera cousa que se lle requirise.
A Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra rendeu no ano 2009 unha emotiva homenaxe a 'Calucas' tras a súa retirada, en recoñecemento ao seu labor na Praza.
Sempre cun sorriso de bondade no rostro, 'Calucas' era ademais coñecido e recoñecido por exercer tamén como porteiro, controlando o acceso durante bastantes anos tanto nos partidos do Teucro no Pavillón Municipal, coma do Pontevedra en Pasarón. Unha vinculación cos dous principais clubs da cidade que lle viña de familia, o mesmo que o seu apelativo cariñoso. De feito un irmán tivo o orgullo de defender como xogador as cores azuis do Teucro e granates do Pontevedra, como porteiro en balonmán e mediocampista en fútbol.
Emocionante e merecido o recordo que lle dedica tamén Juan Parra no Portal taurino Taurophilos, no que deixa unha pequena mostra das anécdotas e claves que marcaron unha vida sinxela, humilde, pero sempre chea de paz e alegría. 'Calucas' recibiu sepultura este luns, pero o seu recordo seguirá vivo entre todos os que o coñecemos.