O BNG denuncia presuntas altas fraudulentas no censo electoral de Meis
Por Redacción
O BNG pide a impugnación do censo electoral do Concello de Meis logo de que a Oficina do Censo Electoral incluíra este municipio na lista dos que rexistraron un "incremento de residentes significativo e non xustificado" nos seis meses anteriores á convocatoria das eleccións municipais de maio.
Segundo a información que facilitan dende o BNG, despois desa situación detectada pola Oficina do Censo Electoral o Concello non deu axeitadas explicacións para estas variacións na poboación censada, de modo que presentaron un escrito de impugnación na Oficina do Censo Electoral de Pontevedra.
Os nacionalistas insisten en que esta non é a primeira vez que o Partido Popular censa antes das eleccións a persoas afíns (ou incluso a traballadores do Concello) irregularmente, feito que o BNG xa ten denunciado en anteriores ocasións.
Ao respecto, indican que "estamos ante unha máis das cacicadas do Partido Popular" e que a eles non lles serven as xustificacións que dá o alcalde, José Luis Pérez, "dicindo que é para buscar melloras para o municipio". Para o BNG, "non van vir esas melloras por altas no censo de forma fraudulenta durante o periodo electoral", altas das que indican que "se darán de baixa en canto pasen as eleccións municipais porque só teñen como obxectivo exercer convenientemente o seu dereito ao voto no noso concello".
"O que fai o alcalde con estas prácticas caciquís é prexudicar a Meis por motivos electoralistas", indican, de modo que consideran una "obriga moral" denunciar estes feitos ante as institucións correspondentes esperando que se investiguen adecuadamente para que as eleccións no concello se desenvolvan dun xeito democrático e transparente.