Eliminado un importante foco de contaminación ao río Lérez
Por Oskar Viéitez
Os técnicos do Plan de Control de Vertidos (PCV) de Augas de Galicia, recolleron mostras de auga no punto de desembocadura do rego Valdecorvos, a carón da Ponte das Tirantes e confirmaron a presenza dun importante foco de contaminación ao río Lérez.
Cumprindo o protocolo habitual de colaboración entre o PCV e os concellos, levouse a cabo unha inspección á zona na compaña dos técnicos municipais do Concello de Pontevedra.
Nese momento, requiríuselles aos traballadores do municipio a remisión dun plan de actuacións para emendar os vertidos contaminantes existentes.
Este plan, que tivo que executar o Concello de Pontevedra, definiu realizar unha conexión á rede de saneamento dun colector que recolle as augas residuais urbanas dun tramo da rúa Seca e a rúa José Malvar Figueroa, e que se atopaba conectado erroneamente á canalización do rego Valdecorvos.
Tras a finalización das obras, os técnicos do PCV levaron a cabo unha nova inspección á zona para comprobar a emenda de dito vertido e, en consecuencia, verificar que se eliminou un importante foco de contaminación ao río Lérez.