Deteñen o encargado dun bar de Marín nun control antidroga no que apareceron haxix e cocaína
Por Redacción
A Policía Nacional detivo un mozo de Marín que traballa como encargado dun bar da localidade por un presunto delito de tráfico de drogas. O rapaz, de 25 anos, foi detido como resultado dun control contra o consumo de estupefacientes realizado no local e xa pasou a disposición do Xulgado de Garda.
Segundo informou a Comisaría de Marín, durante o citado control foron intervidas no local oito landras de haxix cun peso total de 84, 8 gramos, 46 papelinas de cocaína cun peso total de 174,8 gramos, así como 4.588 euros en efectivo en billetes de distinto valor.
Ademais de deter o encargado, os axentes levantaron catro actas por tenza de substancia estupefaciente e unha por tenza de armas prohibidas. Tamén se levantou unha acta por tolerancia ao consumo de drogas en lugar público.
A detención realizárona axentes adscritos aos Grupos operativos de Seguridade Cidadá e Policía Xudicial de Marín no marco do Plan Operativo de Resposta Policial ao Tráfico Minorista e Consumo de Drogas en Zonas. Lugares e Locais de Ocio.