O PSOE en Madrid aprobará no seu programa a proposta do "banco de casas" de Enrique Vaqueiro
Por Oskar Viéitez
O Programa Marco Municipal do partido socialista inclúe unha proposta do voceiro do PSOE na Lama, Enrique Vaqueiro, de crear un banco de casas rurais no que se ofrezan vivendas en aluguer a un prezo moi alcanzable.
Estaba previsto que o líder socialista, Pedro Sánchez, presentase o Programa Marco Municipal o pasado mércores no municipio madrileño de Móstoles pero o loito decretado polo desastre aéreo do martes fixo que o PSOE suspendese todos os seus actos desta semana. Por iso o programa foi enviado aos medios de comunicación, sen presentación pública.
O sábado aprobarao formalmente o Comité Federal xunto con todas as candidaturas autonómicas e locais.
"Poñeremos en marcha unha bolsa de vivenda para a nova poboación e para persoas con poucos recursos en réxime de aluguer e/ou compra, aproveitando a vivenda baleira e as aldeas abandonadas," di o programa do PSOE.
A inclusión desta exitosa iniciativa impulsada na Lama por Enrique Vaqueiro, como presidente da Asociación de Veciños San Bartolomé de Xesta, naceu como unha solución para evitar que o pobo da súa familia quedase baleiro e desaparecese.
A proposta logrou o apoio dos seus veciños e pronto cumpriu coas mellores expectativas atraendo novos residentes ás casas ofertadas en aluguer. Isto supuxo evitar a despoboación e a deterioración das casas, dando á zona unha vida que xa non tiña.
O acerto desta iniciativa será recoñecido polo Partido Socialista que a leva no seu programa electoral para toda España.
Relacionadas:
-
O PSOE da Lama promete concentracións parcelarias, un novo plan urbanístico e o desenvolvemento do polígono industrial
Por Oskar Viéitez |
-
Xesta conclúe con éxito a primeira parte do seu plan de alugueres contra a despoboación
Por Redacción |
-
Unha parroquia da Lama crea un 'banco de casas' en aluguer para frear o seu despoboamento
Por Redacción |