Morta a árbore, viva a escultura!
Por Oskar Viéitez
Cumpríronse os peores prognósticos e o teixo do palacete das Mendoza morreu vítima dunha complicada enfermidade que foi secando as súas ramas.
Non obstante esta árbore seguirá presente na vida da cidade cunha nova imaxe, esta vez como escultura.
Diso estase a encargar o artista lucense Paco Pestaña, un escultor, poeta, polemista, showman, contador de historias, fabulador e filósofo da vida como este defínese. Un artista todoterreo.
Armado cunha motoserra este creador está a dar forma á madeira ante a espectación de numerosos transeúnes que se paran a ver o seu traballo.
Paco Pestaña quere "traballar nun morto vivo" para que a "árbore non deixe de ser árbore e ó tempo unha escultura artística".
Logo de retirarle a codia exterior, e podar artisticamente as ponlas, a obra completarase coa colocación dos últimos elementos artísticos sobre o esquelete da vella árbore, unhas baias de 40 quilos e un metro dez coas que Paco Pestaña quere que "a vella árbore teña froitos como nunca, cumprindo o lío da arte, enmendarlle a plana á natureza".