Os sindicatos retoman as mobilizacións no comercio de alimentación e téxtil
Por Diego Espiño
As accións reivindicativas no comercio de alimentación e téxtil protagonizarán a campaña de Nadal en Pontevedra tras decidir os sindicatos volver á acción en busca de acelerar as negociacións dun convenio colectivo que caducou o pasado mes de xaneiro.
O tempo aprema porque en xullo, de non existir acordo, os preto de 40.000 traballadores que dependen deste convenio na provincia de Pontevedra pasarían a rexerse polo Estatuto Xeral dos Traballadores, como afirma Marcos Cadórniga, do sindicato CIG: "Eles queren deixar pasar a campaña de Nadal para evitar estas historias e nos non imos esperar ata o 9 de xaneiro para empezar a negociar un convenio que leva un ano de atraso cando todos sabemos o que pode pasar en xullo".
"O comercio pequeno pechando co que está pasando pero as grandes multinacionais estanse a beneficiar con todo esto"
As protestas alternaranse nos grandes supermercados e as tendas de comercio téxtil das multinacionais da moda: "O argumento tanto non comercio de alimentación coma non téxtil non nos vale porque non lles afecta da mesma maneira. O comercio pequeno pechando co que está a pasar pero as grandes multinacionais estanse a beneficiar con todo isto".
Un supermercado da rúa Benito Corbal de Pontevedra foi o obxectivo na mañá deste venres coa intención de colapsar a liña de caixas do establecemento mediante unha compra para a que en último momento aseguraron non ter diñeiro, ocasionando así a conseguinte devolución.