"Noite Branca", arte na rúa para incentivar o consumo no Nadal
Que se entenda a arte como algo cotiá e accesible. Este propósito foi o que animou a alumnado da Facultade de Belas Artes a participar na campaña Noite Branca, unha iniciativa promocional que, a pesar do mal tempo, tivo lugar na cidade de Pontevedra. E fixérono co obxectivo de dinamizar o comercio local e ao mesmo tempo visibilizar o talento dos novos artistas.
Promovida polo Concello de Pontevedra e pola Universidade de Vigo, a actividade congregou a varios estudantes da facultade que interviron en varios escaparates dos establecementos das rúas César Boente, Sierra ou a Praza de Curros Enríquez. Hugo Aldatz, Marta Cerviño, María Prada, Marta González, Fortes e O´Ras foron os alumnos seleccionados para plasmar a súa arte nos escaparates destas tendas e "crear auténticos lenzos de cristal" co propósito de chamar a atención dos viandantes e animalos a entrar.
Ademais, a Casa da Luz, sede de Turismo de Pontevedra acolleu un mercado artesanal organizado para a ocasión, no que os alumnos venderon as súas creacións. Roupa, bolsos, paxarelas, xoias, cadros e ata doces se podían mercar nestes postos. Cun grande abano de prezos, o alumnado resaltou por riba de todo o valor do feito a man, "aquí é todo artesanal". Para eles supón ademais poder dar percorrido ás súas creacións. "Todas estas iniciativas son moi importantes para nós porque nos permiten explicar que os artistas tamén somos profesionais que facemos produtos para logo vender".
Dende a Facultade de Belas Artes defenden que este tipo de iniciativas axudan a que a cidadanía coñeza de primeira man os proxectos creados por artistas emerxentes, decatándose de que a arte "non está tan lonxe como a xente pensa pois pódese agasallar nestas datas cunha obra orixinal por 25 ou 30 euros", sinala Silvia García, vicedecana de Belas Artes, que agarda que esta experiencia poida repetirse.