O ámbito do río Lérez acollerá o próximo sábado un maratón fotográfico
Por Redacción
Dinamizar o río Lérez e o seu ámbito. ÿ o obxectivo co que o vindeiro sábado 21 de marzo celebrarase na cidade o I Maratón Fotográfico Imaxes de Primavera, un evento aberto tanto a profesionais como a fotógrafos afeccionados.
Segundo explica a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, con este maratón, que partirá ás dez da mañá do Pazo da Cultura, búscase poñer en valor espazos da cidade nos que se ten traballado nos últimos anos para a súa mellora, "espazos intervidos e espazos públicos como son a contorna do río, a illa das Esculturas e o Pazo da Cultura, focalizando a atencion nos mesmos a través da mirada colectiva e individual dos participantes".
As inscripcións están abertas para fotógrafos a partires de 16 anos de idade. A inscrición é gratuíta e poderá realizarse previamente no enderezo electrónico maratonfotograficopo@gmail.com ou ben o mesmo día da realización do Maratón Fotográfico de 10.00 a 11.00 horas no punto de saída.
O prazo de inscrición iniciarase o venres 13 de marzo e permanecerá aberto ata o mesmo día do maratón ou ben ata que se complete o aforamento. O número de prazas está limitado a 40, priorizando o orde de inscrición.
As fotografías circunscribiranse a tres temáticas concretas: Illa das Esculturas, Pazo da Cultura e o río Lerez e a súa contorna. Os interesados poderán participar só en categoría dixital e as fotografías deberán ser orixinais e tomadas no día do evento.
Todo o material presentado e válido será avaliado por un xurado profesional e independente formado non só por expertos en fotografía ou en arte, senón tamén en arquitectura ou xornalismo.
Este xurado determinará aos gañadores de catro dos cinco premios posibles: mellor fotografía xeral e mellor fotografía por categoría. Os criterios do xurado son a calidade, a orixinalidade e a creatividade da composición. O quinto premio ao que poden optar os participantes e o premio do público, elixirase por votación a través de Facebook.
Respondendo ao obxectivo mesmo de dinamización e de coñecemento da cidade do que parte o evento, os premios concedidos irán na mesma liña, consistindo en diversas experiencias en varios establecementos situados en Pontevedra.
Coas fotografías resultantes realizarase unha exposición final na que se procederá á entrega dos premios. A data e lugar da mesma está sen determinar posto que depende do proceso de deliberación do xurado.
Relacionadas:
-
Manuel Bazarra, gañador da primeira edición do maratón fotográfico ‘Imaxes de Primavera’
Por Redacción |
-
35 fotógrafos participan no primeiro maratón 'Imaxes de Primavera' na contorna do Lérez
Por Redacción |
-
Preto de 175.000 persoas participaron no 2014 nas actividades de Pazo, Teatro Principal e Recinto Feiral
Por Redacción |
-
O Faiponting converte á Illa das Esculturas no Parque da Familia
Por Oskar Viéitez |