Desmantelan unha plantación de marihuana 'indoor' nun rocho de Poio
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Un rocho situado nun garaxe da zona de Campelo, en Poio, tiña unha completa plantación de marihuana con 91 plantas en distintas fases de crecemento e un complexo sistema de rego, iluminación e calefacción. Ata que este martes 10 de marzo o 'viveiro' foi localizado e desmantelado pola Garda Civil no marco das operacións realizadas para a erradicación do cultivo e venda de substancias estupefacientes.
A plantación simulaba un invernadoiro, pero estaba 'indoor', baixo teito. A Garda Civil deuno por desmantelado coa intervención das 91 plantas, pero a investigación continúa aberta e prevese que se produza algunha detención.
Segundo informou a Garda Civil, as plantas de cada unha das fases de crecemento estaban separadas por unha lona con forro de aluminio. A distribución era similar á de catro armarios distintos, un para as plantas en período de inicio, outro para as de crecemento, un terceiro para o período de floración e o cuarto dedicado á maduración e secado da flor.
A Comandancia da Garda Civil de Pontevedra exhibiu este mércores, día seguinte á incautación, todo o sistema intervido. Entre os obxectos incautados había potentes lámpadas de 400 vatios cada unha e un sistema de ventilación e refrixeración mediante a instalación de sofisticados sistemas de filtros e humidificación do aire. Ademais, localizáronse efectos habitualmente utilizados para o empaquetado e posterior comercialización da marihuana, tales como unha báscula de precisión.
Axentes da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra identificaron os propietarios e coidadores da plantación e procederon á incautación desta e os efectos utilizados para o seu cultivo, pero non realizaron ningunha detención.