Tres Grazas con grandes colas
O primeiro venres de marzo está marcado no calendario dos pontevedreses por ser o día das Tres Grazas, día en que devotos e non tan devotos, fan cola para pedir ante Xesús Nazareno os seus desexos.
A capela, que forma parte da parroquia de San Bartolomé, abre as súas portas ás 7.30 da mañá "sen moita expectación por parte dos fregueses", segundo María Luisa Puig, colaboradora voluntaria da parroquia. Pero ao longo da mañá os fieis fóronse congregando ante a sancristía formando unha longa cola que ás 12.00 do mediodía chegaba ata o conxunto escultórico do Fiel Constraste pasando por diante do Teatro Principal. A pequena capela permanece aberta ata as 00.00 horas, cando dá fin o día do Nazareno.
Os congregantes que se encontran facendo cola a escasos dez metros da capela levan xa preto dunha hora de pé esperando a súa quenda para poder acceder ao interior e facer as súas peticións, que aínda que a maioría se as reservan para eles, os que se se atreven a dicilas falan só dun tema "saúde, saúde e saúde".
Na cola non só hai persoas que buscan facer realidade os seus desexos, tamén se encontra a imaxe da necesidade nun mozo que intenta vender entre os fregueses paquetes de panos por unhas moedas "para poder comer". Tamén está quen aproveita a ocasión, como é o caso de Juan García do grupo de teatro Arume, para repartir folletos en busca de actores voluntarios para representar a obra da Paixón de Cristo na próxima Semana Santa.
Outros anos, o mal tempo e a chuvia facía que só os máis fieis se decidisen a achegarse á capela, pero o sol que loce dende ben cedo fai que sexa menos pesada e sufrida a espera na cola, segundo os mais asiduos a esta cita relixiosa.
María Luisa Puig comenta que cada vez se ve máis homes e mozos con aspecto triste entre as persoas que van implorar as Tres grazas ao Nazareno. Os postos de velas, exvotos e rosquillas que se sitúan preto da capela son tradición tamén deste día, aínda que os pequenos comerciantes din que cada vez son menos persoas as que compran o típico doce, mentres as velas e exvotos se reservan sobre todo para os máis fieis.