Multan con 200 euros un condutor por adiantar un can sen gardar a distancia de seguridade
Por Natalia Puga
Son as 12.45 horas do 11 de xaneiro de 2015. Un turismo Renault Laguna circula pola estrada comarcal PO-550, que comunica Vilalonga (Sanxenxo) e Dena (Meaño), e, nun momento dado, adianta a un can sen gardar a distancia de seguridade, dando un volantazo cara ao animal. Podería quedar nun volantazo illado sen consecuencias, pois a raíz deste non se produciu ningún accidente, pero a manobra lle valeu ao seu condutor unha multa de 200 euros.
O condutor en cuestión, veciño de Noalla (Sanxenxo) recibiu nos últimos días unha notificación da Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra na que lle comunican a sanción de 200 euros e lle explican que o comportamento polo que foi denunciado supón unha infracción ao Regulamento Xeral de Circulación.
No momento en que foi sancionado circulaba pola PO-550 ao seu paso polo termo municipal de Sanxenxo, na zona de Vilalonga e, segundo transcendeu, os axentes do subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra non lle deron o alto no momento, senón que el non tivo constancia de que fora 'cazado' e multado ata que, semanas despois, se lle comunicou a denuncia.
O artigo 85.4 do regulamento establece que cando se adiante fose de poboado a peóns, animais ou a vehículos de dúas rodas ou de tracción animal, deberase realizar a manobra ocupando parte ou a totalidade do carril contiguo da calzada, sempre e cando existan as condicións precisas para realizar o adiantamento nas condicións previstas neste regulamento; en todo caso, a separación lateral non será inferior a 1,50 metros.
No caso deste veciño de Noalla, a súa denuncia especifica que non respectou esa distancia mínima de metro e medio para adiantar o animal. A sanción está considerada como grave e non implica a perda de puntos do carné de conducir. Ademais, os 200 euros redúcense a 100 euros por pronto pagamento.