O goberno local de Marín alega contra o expediente aberto polo Tribunal de Contas
Por Redacción
O Tribunal de Contas dirixiuse ao Concello de Marín ao obxecto de solicitarlle información referente aos pagamentos nas nóminas de determinados meses en concepto de produtividade e de horas extraordinarias dos distintos servizos.
Do traslado do escrito, deron un prazo de cinco días para achegar os xustificantes e toda a documentación que obra nos expedientes das nóminas referentes a estes extremos.
Solicitan tamén dous expedientes que foron aprobados polo Pleno da Corporación referentes a recoñecemento de créditos e que foron informados favorablemente polos servizos de Intervención. A solicitude referente ás nóminas refírese a oito meses e, dende o goberno local entenden que obedece a unha denuncia realizada concretamente por estes meses ao propio tribunal.
Remitíronse todos e cada un dos partes de traballo onde se recollen as horas realizadas e os traballos que foron acometidos polos distintos servizos municipais que realizan horas extraordinarias: servizos de cemiterios, de obras, de augas, de limpeza, da policía local, do museo, dos departamentos de secretaría, intervención e tesouraría, do mercado e dos conserxes das instalacións deportivas.
O Concello solicitou ao Tribunal de Contas que proceda ao arquivo do expediente aberto.
Remitíronse tamén as propostas de produtividade e a relación dos criterios aprobados polo pleno no ano 2008 e no ano 2013 respecto a xornadas que teñen unha característica especial como corresponde basicamente á policía local e ao servizo de cemiterios que traballan xornadas nocturnas, ás substitucións entre o persoal que realiza funcións por enriba da súa categoría ante ausencias, vacantes ou enfermidade dos titulares, e ao especial redimiento e dedicación dalgunhas persoas no seu traballo.
Esta última circunstancia afecta a departamentos como o de cultura pola súa dedicación en eventos culturais, festas, cabalgata e demais, realización de eventos deportivos que requiren un reforzo de persoal dedicado a estes.
Destaca o goberno local o especial rendemento do departamento de intervención "que con menos persoal esta realizando un traballo eficaz", levando ao día o pagamento de facturas, os arqueos e a contabilidade municipal, apreciándose esta produtividade ou ben polos xefes de cada servizo ou ben polo concelleiro ou alcaldía, responsables da súa realización apreciando sempre o especial rendemento, a actividade extraordinaria e o interese e inicitiva con que o funcionario desempeña o seu traballo.
Esta inspección duns meses concretos resulta perfectamente acreditada por toda a documentación xustificativa, solicitando ao Tribunal de Contas que proceda ao arquivo do expediente aberto.
Relacionadas:
-
O Tribunal de Contas arquiva o expediente aberto ao Concello de Marín
Por Redacción |
-
O goberno local de Marín informa os voceiros municipais do expediente aberto polo Tribunal de Contas
Por Redacción |
-
O PSOE de Marín pide unha reunión da xunta de voceiros para informar das dilixencias do Tribunal de Contas
Por Redacción |
-
A reclamación do Tribunal de Contas xera controversia entre o goberno local de Marín e a oposición
Por Oskar Viéitez |