Condenado a cinco anos de prisión por abusar da filla da súa parella, de seis anos
Por Natalia Puga
O veciño de Zamora José Carlos G.C. deberá cumprir cinco anos de prisión por abusar sexualmente dunha nena de seis anos filla da que foi a súa noiva. Os feitos aconteceron no ano 2012 nun domicilio de Porriño no que o acusado convivía coa súa parella e as dúas fillas menores dela e acaban de ser sentenciados pola Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra.
O tribunal provincial condénao como autor dun delito continuado de abusos sexuais a menor de 13 anos (neste caso, seis) a cinco anos de prisión, pero tamén á prohibición de aproximarse a menos de 200 metros da súa vítima, o seu domicilio ou outro lugar que frecuente ou de comunicarse con ela durante seis anos. Ademais, en concepto de responsabilidade civil, deberá indemnizar a filla da súa ex noiva con 3.000 euros polo dano moral que lle ocasionou.
O acusado, que antes desta condena non tiña antecedentes, mantivo unha relación sentimental coa nai da vítima durante entre dous e tres anos e en ocasións convivía con ela e coas súas dúas fillas menores de idade, coas que, segundo recolle ao sentenza, mantiña unha boa relación e trato familiar.
En datas non determinadas polo fallo do tribunal pero, en todo caso, cando ela tiña seis anos, o acusado quedou varias veces só ao coidado da menor na casa da nai e aproveitouse do "bo clima familiar e de confianza existente" para abusar dela. Isto aconteceu durante un período de tempo que non se pode concretar e en diversas ocasións, pero a sentenza tampouco logrou establecer cantas.
O tribunal considera probado que "co pretexto de xogar coa menor", a levaba ao dormitorio da súa nai e, unha vez alí, "con intención de satisfacer os seus desexos libidinosos", o acusado e a menor espíanse de cintura para abaixo procedendo José Carlos a tocar os xenitais da menor á vez que solicitaba desta que lle tocase o pene.
Os feitos saíron á luz cando a menor contou á súa nai que tiña un segredo con José Carlos e lle detallou que xogaban a distintos xogos, entre eles, a médicos e enfermeiras. Tras estes feitos, a muller decidiu rematar ao relación, levar á nena ao médico e presentar unha denuncia por abusos sexuais.
A vítima declarou a porta pechada na Audiencia, pero a sentenza fai referencia ao contido da súa declaración e recolle que "reúne os requisitos de ausencia de incredibilidade subxectiva, verosimilitude e persistencia na incriminación aos que alude a xurisprudencia do Alto Tribunal". Ademais, tampouco se observaron nin se evidenciaron nin se acreditaron signos de animadversión ou vinganza na menor cara ao acusado que o conducise a efectuar unha acusación tan grave, nin motivacións espurias alleas aos feitos.