Pontevedra terá un Consello de Mulleres Novas
Por Oskar Viéitez
Dentro do programa de actos organizados polo Concello de Pontevedra para o Día Internacional da Muller, o próximo mércores 4 de marzo constituirase o Consello da Muller Nova.
Será ás 18.00 horas no Teatro Principal e a idea é que sexa "algo máis que un acto simbólico" e que desempeñe unha función de órgano asesor do Consello da Muller. Para iso reunirase "dúas ou tres veces ao año", segundo informou a concelleira de Benestar Social, Carme Fouces.
A idea é darlle voz ás mulleres novas, por dous motivos fundamentais que explicou a edil "que teñan experiencia na reivindicación e na loita" xa que "as mulleres que temos certa idade non somos quen de conquerir os obxectivos que nos marcamos", dixo. Ademais a incorporación das mulleres novas débese a que "tamén temos que aprender delas, xa que teñen moito que dicir e que expoñer".
A propia natureza xuvenil deste órgano fará que se estean a renovar permanentemente os seus membros, mulleres e tamén algún home "xa que é o momento de darlle entrada aos homes nos ámbitos máis novos", sinalou Fouces, "que non se sintan excluídos".
O acto de constitución do Consello da Muller Nova tamén terá un compoñente artístico que achegarán as actuacións musicais do Coro Fiuncho e do grupo de rock Stock.
CHÿVERE E 'AS FILLAS BRAVAS'
Dentro da programación municipal tamén se inclúe a actuación do Grupo Chévere coa obra de teatro en clave de humor feminista As fillas bravas.
A obra pon en escena a historia de tres mulleres, fillas de solteira, que tocan e cantan o que lles apetece como antes fixesen a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son "fillas do vento", son mulleres de andar "en pe de toxo, orgullosas de vir de tras silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos".
As cancións empregadas no espectáculo están inspiradas en cantos tradicionais recollidos en diferentes lugares de Galicia, algunhas con raices no século XIX, que tratan temas como o sexo, as aparencias ou mesmo a masturbación feminina.
As actrices Patricia de Lorenzo, Mónica García, Arantza Villar botaranse anos enriba para converterse en tres mulleres maduras, sen prexuízos, que pisan firme e cantan e tocan a pandeireta, será o domingo 8 de marzo ás 20,00 horas no Teatro Principal e con entrada gratuíta.