Pon a Moreira na túa casa
Por Natalia Puga
Na precampaña, ao longo da campaña e, se gaña as eleccións, durante toda a súa etapa de alcalde, o candidato do PP en Pontevedra, Jacobo Moreira, reunirase cunha familia pontevedresa cada semana. A iniciativa presenta paralelismos co video protagonizado polo presidente do Goberno, Mariano Rajoy, para dar as grazas aos españois, que remata co mandatario conversando cunha familia.
Moreira explicou que a súa intención é visitar as familias nas súas casas e facelo polo menos unha vez por semana "para que trasmitan cómo ven Pontevedra". Para seleccionar as familias ás que visitará, farase unha campaña pública a través das redes sociais na que os aspirantes a recibir o candidato na súa vivenda poden postularse como tales.
Estas visitas poderían facerse aínda máis habituais se Moreira sae elixido alcalce, pois prevé visitar "incluso más de un" fogar cada semana, "siempre que mi agenda lo permita". Forman parte dun conxunto de 10 accións innovadoras e diferentes que os 'populares' incluíron na súa campaña de cara ás municipais do 24 de maio.
Este luns quedou constituído o comité de campaña que executará este programa baixo a coordinación de María José Rodríguez Teso. O responsable do programa electoral será Tomás Abeigón e a responsable do voto novo a actual presidenta de Novas Xeracións de Pontevedra, Seila Varela.
Na súa primeira comparecencia pública tras a constitución do comité electoral, Moreira avanzou que farán "una campaña diferente" con esas 10 accións que se irán dando a coñecer pouco a pouco e na que a prioridade será atallar o "principal problema" que ten Pontevedra, o paro.
Moreira, sobre a planta de compost: "Estamos conformes con el sistema actual, preferimos que la basura se trate fuera de Pontevedra"
Tomás Abeigón indicou que o programa será "Claro, Completo, Cumplible y Coherente" ou, como o coñece, cumprirá coas catro 'C'. O programa empezou a elaborarse o 12 de xullo de 2014, cando Jacobo Moreira asumiu a Presidencia local, e contou coa participación das 15 áreas do comité electoral e a colaboración indirecta de todos os particulares e colectivos cos que Moreira se reuniu nos últimos meses.
O PP local afronta a campaña con único resultado posible, chegar á Alcaldía e poñer fin a "16 años de mandato, no de Gobierno, de Lores,". Nel defenderase a postura sobre a continuidade de Ence na Ría de Pontevedra que dará a coñecer na segunda quincena de marzo, pero non incluirá ningunha referencia ao proxecto dunha planta de compostaxe na Canicouva, "pois ese proxecto do Concello e a Deputación de Pontevedra "no es una prioridad para el PP de Pontevedra".
"Estamos conformes con el sistema actual, preferimos que la basura se trate fuera de Pontevedra", indicou Moreira, quen nega que o PP manteña unha postura diferente sobre a planta en Pontevedra e no Parlamento de Galicia, senón que foi coherente en todo momento ao asegurar que non apoiaría o proxecto se tiña oposición veciñal. A falta de coherencia sería, na súa opinión, a do PSOE.
Moreira avanzou tamén que seguirá sendo deputado no Parlamento de Galicia durante todo o período electoral e "hasta que sea nombrado alcalde". En caso de que non sexa elixido alcalde de Pontevedra "valorará" a súa continuidade no Parlamento, pero móstrase moi seguro de vencer nas eleccións e "no contemplo esa posibilidad" (de non ser o futuro rexedor pontevedrés).
Relacionadas:
-
O PP pulsa a opinión dos hostaleiros, que demandan potenciar o turismo
Por Redacción |
-
Jacobo Moreira desvelará en marzo a súa postura "contundente" sobre o futuro de ENCE
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Moreira encara a carreira á Alcaldía de Pontevedra co reto de "devolverle el liderazgo económico"
Por Natalia Puga |