Aseguran que o Arcebispado coñece "desde hai meses" a conduta "irregular" do párroco de Lérez
Por Redacción
A conduta do sacerdote de Lérez, que saltou á luz esta fin de semana ao negarse a oficiar un enterro na parroquia se non se lle pagaban os seus servizos en efectivo e sen factura, é algo que o Arcebispado de Santiago de Compostela "coñece desde hai meses". Así o asegura a empresa Alianza y Barros, que desvelou este luns que puxo en coñecemento os feitos nun escrito remitido ao arcebispo Julián Barrio o pasado 10 de decembro.
Á marxe das denuncias expresas que poidan ter cursado outras empresas do sector, Alianza y Barros asegura que o cura mantiña que, dado que estaba xubilado e cobraba unha pensión non quería que quedara "ningún rastro" dos cartos a percibir polo seu traballo. Insistía en cobrar en metálico, negándose a que se fixera mediante transferencia bancaria e avisaba de que "non emitiría ningún tipo de xustificante válido".
Segundo a compañía funeraria, o párroco ameazaba ademais con acudir aos particulares "para conseguir deles os cartos en metálico", dado que eles non lle pedían xustificante, "presionándoos coa ameaza de non atender os servizos solicitados" ou con diminuír a calidade dos seus servizos en relación a aqueles outros que si lle abonaban outras empresas en efectivo.
Días máis tarde, concretamente o 22 de decembro, o xerente de Alianza y Barros volveu dirixirse ao arcebispo en relación con este párroco e a súa negativa a concretar o día para a celebración dunha misa en memoria da defunta esposa dun fregués aos seis meses do seu falecemento.
O cura alegaba que non se lle abonaran os funerais deste óbito -valorados en 195 euros-, cando en realidade o que estaba a ocorrer era que se negaba a que o pago se realizara por medios bancarios ou mediante a entrega dun talón, dado que a súa pretensión era cobrar dun xeito totalmente opaco á Axencia Tributaria.
A funeraria Alianza y Barros foi unha das empresas do sector que subscribiu en xuño de 2014 un escrito dirixido ao arcebispo metropolitano de Santiago denunciando este tipo de prácticas. Insisten en que o Arcebispado debe tomar as medidas oportunas para que "sen máis dilación", dea instruccións "oportunas, claras e inequívocas" para que cesen este tipo de comportamentos "presuntamente contrarios ao ordenamento legal vixente".