O fiscal critica o "oscurantismo kafkiano" das testemuñas dun xuízo por branqueo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Sección Cuarta de la Audiencia Provincial de Pontevedra deixou visto para sentenza o xuízo celebrado contra os arousanos Carlos Daniel P.G., a súa noiva Sonia G.G., e a súa nai María Jesús, G.F. por un delito continuado de branqueo de capitais derivados do tráfico de drogas polo que o fiscal pide que seasn condenados a cinco anos e medio de prisión o varón e a cinco anos cada un das mulleres.
O xuízo retomouse este luns tras unha primeira sesión na que os tres procesados negaron a súa responsabilidade nos feitos xulgados. Nesta última sesión pasaron ante o tribunal peritos e testemuñas cuxas declaracións foron cuestionadas polo fiscal do caso, Pablo Varela.
O representante do ministerio público criticou que as testemuñas que pasaron pola sala fixeron gala dun "oscurantismo que raya en lo kafkiano". Ao longo do interrogatorio, mostrouse inquisitivo coas testemuñas, en especial, cun dos socios da empresa de compravenda e reparación de vehículos coa que presuntamente traballa Carlos P.G. como intermediario dende o ano 2009. O home alegou que pagaba unha comisión ao acusado por cada venda na que participaba, pero que non aparecía reflectida nos libros legais de contabilidade, senón só nos seus documentos particulares e chegou a recoñecer que "sé que es una anotación en B", pero o fiscal non dá credibilidade ás súas afirmacións.
Pola sala tamén pasou a ex muller de Carlos P.G., con quen estivo casado entre os anos 1992 e 1998-1999, quen asegurou que no tempo que durou a súa relación el tivo numerosos traballos en dous bares de Pontevedra, nunha empresa de conxelados, nun bar de Vilgarcía ou vendendo produtos de limpeza e que no ano 1996 abriron entre os dous unha tenda de música que lles daba beneficios. Pechárona a raíz da súa separación e asegura que da liquidación sacaron entrre 6 e 7 millóns de pesetas cada un, diñeiro que ela destinou a dar a entrada para un piso e un coche.
Con estas declaracións e as dos amigos do acusado a defensa pretende acreditar que comprou bens mobles e inmobles e fixo distintos investimentos con diñeiro de orixe lícita e, ao mesmo tempo, desmontar as teses do fiscal de que el, que foi condenado en dúas ocasións por delitos de tráfico de drogas, era quen conseguía o diñeiro e as dúas procesadas, con pleno coñecemento da orixe dos fondos cos que realizaban negocios coa finalidade de ocultar a súa orixe ilícita, consentiron en aparentar ser titulares de diferentes bens cuxo auténtico titular era o acusado.
A avogada defensora tamén intentou desacreditar a perito da Axencia Tributaria que fixo un informe sobre as contas bancarias e movementos económicos dos acusados requiríndolle interpretacións sobre o significado de diferentes ingresos e gastos, ao que a especialista respondeu que "yo traslado los datos que me da el banco al informe" e "no puedo hacer una valoración, no es mi labor".
Parte da estratexia de defensa centrouse tamén en demostrar que os pisos que adquiriu a nai do acusado en Vilagarcía foron pagados con diñeiro lícito como os ingresos dunha herdanza que lle deron de Portugal. De feito, un vendedore asegurou que parte do diñeiro llo pagou en escudos portugueses e outra responsable dunha inmobiliaria indicou que nas xestións non interveu o procesado en ningún momento.
A Fiscalía pide para o acusado cinco anos e seis meses de prisión e multa de 1.200.000 euros, para a súa compañeira sentimental cinco anos de prisión e multa de 400.000 euros, e para a nai, cinco anos de prisión e multa de 800.000 euros.