Condenan a cinco anos de cárcere por branqueo de capitais ao narco Roberto Leiro e a súa esposa
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra ditou sentenza condenatoria contra o narcotraficante arousano Roberto Leiro Santos, e a súa esposa María Teresa Señoráns Cores, por branqueo de capitais. A pena imposta para cada un deles é de cinco anos de prisión e o pagamento dunha multa de 1,6 e 1,5 millóns de euros, respectivamente.
Por actuar como homes de palla do narcotraficante e "aparentar ser os titulares" dalgúns dos seus bens, o tribunal provincial tamén condena a filla do principal acusado, Nuria Leiro Señoráns, a tres anos e medio de prisión así como ao pagamento dunha multa de 170.000 euros; e aos sogros, José Señoráns Señoráns e Balbina Cores Piñeiro a tres anos e medio e multa de 55.000 euros.
Finalmente tamén son condenadas dúas irmás da muller de Leiro Santos e o marido dunha delas (Josefina S. C., María del Carmen S. C. e Juan T. V.) a penas de seis meses de prisión neste caso como autores dun delito de branqueo pero por imprudencia grave. ÿ dicir, entenden os maxistrados pontevedreses que ao admitir figurar como titulares destes bens "non tomaron as debidas precaucións" sabendo da relación de Roberto Leiro Santos co narcotráfico.
O fallo xudicial tamén establece o comiso de dous dos vehículos e o equivalente monetario á suma de 590.682 euros que é a cantidade que a sentenza entende que o narcotraficante arousano branquexou investindo en dúas tendas de deporte en Cambados e unha en Pontevedra, así como na compra dun ático e a construción dunha mansión nun terreo de Cornazo, en Vilagarcía.
Segundo detalla a sentenza, a existencia de branqueo do diñeiro procedente da droga nos investimentos, adquisicións e gastos examinados durante o xuízo "quedou acreditada polo resultado das probas documentais: bases de datos da Axencia Tributaria, documentos intervidos nos rexistros xudiciais, documentos achegados por provedores de bens e servizos; polas testificais do axente de aduanas instrutor dos atestados, declaracións dos distintos provedores de bens e servizos; así como polas propias manifestacións dos acusados que, en xeral, non cuestionaron esa realidade, senón a orixe do narcotráfico dos fondos cos que foron adquiridos e que certos contratos foran simulados".
Relacionadas:
-
O Supremo ratifica a condena por branqueo ao narco Roberto Leiro, pero exculpa á súa cuñada e o marido desta
Por Natalia Puga |
-
A familia do narco Roberto Leiro intenta desvincular os seus ingresos irregulares do tráfico de drogas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O narco cambadés Roberto Leiro asegura que nunca gañou diñeiro coa droga
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Roberto Leiro enfróntase a seis anos de cárcere por branquexar o diñeiro que gañou en oito anos de narcotráfico
Por Natalia Puga |