En Lérez sen facturas, ou se paga en man o enterro ou non hai cura
Por Oskar Viéitez
Á dor propia dunha familia que atravesa o trance de enterrar a un ser querido, sumouse este sábado a indignación pola actitude mantida polo sacerdote. Segundo informou unha familia de Lérez, o párroco desta localidade negouse a participar nun enterro ou deixar que o fixese outro sacerdote no seu lugar se non se lle pagaban os seus servizos en efectivo e sen factura.
Un segundo sacerdote chamado para realizar estes servizos abandonou o lugar para evitar problemas co párroco de Lérez.
A tensión vivida no momento mesmo mobilizou á Policía Local de Pontevedra que acudiu para intentar resolver a situación.
A familia barallou entón a posibilidade de trasladar o funeral a Caldas de Reis, de onde era natural o falecido, e onde o sacerdote non poñía reparos en facer o pagamento 'como Deus manda'.
A presenza policial e a tensión crecente entre os familiares do falecido fixo reconsiderar a súa decisión ao cura de Lérez que finalmente celebrou a cerimonia relixiosa.
Dende a empresa funeraria explicaron que este tipo de servizos se abonan mediante un cheque ou unha transferencia bancaria a unha conta do Arcebispado de Santiago. Non obstante, o cura de Lérez esixe o pagamento 'en man'.