Moreira: "Todos os problemas que sofre Pontevedra na actualidade teñen data de caducidade, o vindeiro mes de maio"
Por Redacción
O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, inaugurou este sábado a convención municipal do partido xunto á ministra de Fomento, Ana Pastor. Na súa intervención, Rueda fixo fincapé en que o PPdeG é "un partido unido e con ideas ", que "non está contra ninguén" e que quere xuntar "a canta máis xente mellor ".
Outra pontevedresa, Ana Pastor, cargou contra os "viven do conto", aos que advertiu que o populismo e a demagoxia teñen "as patas moi curtas". Fronte a eles, destacou a "estabilidade" que representa o Partido Popular á fronte das institucións que goberna.
Pola súa banda, o candidato do Partido Popular á alcaldía de Pontevedra, Jacobo Moreira interveu na sesión vespertina da convención popular para ofrecer as súas valoracións sobre "O camiño á recuperación económica" xunto ao alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, o alcalde de Ames, Santiago Amor e Consuelo Vispo, candidata á alcaldía de Barbadás.
Moreira aportou as súas impresións sobre un asunto esencial e que centrará a base do seu programa electoral, que non é outro que "asentar unhas bases sólidas para a recuperación económica e poder así comezar a equipararnos con outras cidades que xa comezan a saír adiante", sinalou.
"Nestes momentos temos unha Pontevedra bonita, pero cerrada. O que nós queremos é unha cidade aberta. Aberta ao emprego, á innovación, á industria, á universidade, ao río, ao benestar", dixo o candidato á alcaldía de Pontevedra, Jacobo Moreira.
"Pontevedra necesita un cambio, porque mentres outros municipios comezan a despegar, a nosa cidade rexistra unha taxa de paro de case o 29%. Contribuír á xeración de emprego, sen dúbida algunha será a nosa prioridade", sinalou Jacobo Moreira quen aposta firmemente na creación dun Plan de Emprego Local e activar o observatorio socio económico aprobado polo CES.
Ademais, potenciar o turismo, levar a cabo rebaixas nos impostos ou reducir a presión fiscal son outros dos puntos claves do programa electoral que presentará Jacobo Moreira nas vindeiras semanas.
O candidato á alcaldía de Pontevedra expresouse de xeito rotundo durante a súa intervención: "todos os problemas que sofre Pontevedra na actualidade teñen data de caducidade, o vindeiro mes de maio", concluiu.
A cita popular que se celebra no Auditorio de Galicia será clausurada o domingo polo xefe de filas dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, e a vicepresidenta do Gobierno, Soraya Sáenz de Santamaría.