As obras da Escola Infantil de Seixo xa están en pleno auxe
Por Redacción
As obras da Escola Infantil de Seixo xa están en pleno auxe. Despois dos labores de demolición das antigas casas dos profesores do colexio de Seixo, iniciáronse os traballos destinados á construción da gardaría.
O goberno local valora esta obra como "unha aposta por un investimento moi importante da Xunta de Galicia e do Concello de Marín por dotar esta parroquia e dar servizo ás do seu ámbito nesta infraestrutura educativa básica para nenos de 0 a 3 anos, ao lado do colexio de educación Infantil e Primaria".
O proxecto que serve de base e que foi presentado pola Xunta de Galicia a través do Consorcio Galego de Benestar Social aséntase sobre unha parcela de forma rectangular.
A edificación realízase nunha soa planta de 398 metros cadrados, con soportais cubertos de 128 metros cadrados e áreas de patio e xardín de 351.
O solo onde se vai construír ten a cualificación e clasificación urbanística de urbano de uso dotacional público segundo o Plan Xeral de 2012, e o proxecto básico e de execución conta con todos os informes técnicos e xurídicos favorables.
O importe da licitación chega aos 402.476,10 euros.
PLAN DE OBRA
Os traballos e o plan de obra durarán un tempo estimado de 8 meses, e están a ser executados pola empresa Tragsa.
Dende o equipo de goberno recordan que "sempre se defendeu a necesidade e a importancia de realizar un equipamento desta envergadura educativo en Seixo, que fortalece a continuidade do colexio ao contar cun servizo máis que fideliza o alumnado dende os primeiros meses de idade".