Identifican dous carteiristas romaneses 'traballando' en Pontevedra
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra procederon á identificación de dous homes de 32 e 39 anos de idade respectivamente, ambos os dous naturais de Romanía, con domicilio na Coruña e con antecedentes policiais, como presuntos autores dun delito de furto.
O suceso tivo lugar o día 30 de xaneiro, ao presentar denuncia nestas dependencias unha veciña de Pontevedra tras ser vítima da subtracción dun sobre con 600 euros.
Ao parecer tras retirar o diñeiro nunha sucursal bancaria da rúa García Camba, dirixiuse a un establecemento próximo onde efectuou algunhas compras, ao dispoñerse a pagar comprobou como o sobre co diñeiro desparecera.
No establecemento a denunciante recorda ter tropezado con dous individuos que nun momento dado bloqueáronlle o paso, momento que aproveitaron para subtraerlle o diñeiro.
A raíz da denuncia iniciáronse as investigacións para descubrir a identidade dos presuntos autores do delito analizando o "modus operandi" empregado.
Tras arduas xestións os axentes da Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra lograron identificar dous dos individuos de orixe romanesa, con antecedentes policiais por feitos similares, detectados en Pontevedra, Marín, A Coruña, Santiago de Compostela ou Vilagarcía de Arousa.
MODUS OPERANDI
Os autores de furtos ao descoido realizan nun primeiro momento unha vixilancia exterior e interior dunha ou varias entidades bancarias, nalgúns casos facéndose pasar por clientes ou realizando algunha xestión.
Elixen a vítima, preferentemente muller e de avanzada idade. Comproban que retirase unha cantidade importante de diñeiro. Fan un seguimento da vítima xa no exterior da sucursal bancaria, buscan o momento propicio para a comisión do furto: portal da vivenda, ascensor, supermercado, etc. preguntando por calquera cousa, acurralándoa en espazos pequenos ou creando confusión, tropezando a propósito coa persoa, vítima do furto, para introducir con grande habilidade a man no peto ou bolso onde leve gardado o diñeiro e subtraelo.
Unha vez cometido o furto os autores foxen por separado encontrándose nun punto xa acordado previamente.
Por todo iso, a Policía recomenda ter especial coidado sobre todo pensando nas persoas maiores que acoden ao banco a retirar cantidades considerables de diñeiro en efectivo. Deberán poñer atención tanto, antes de entrar na sucursal como ao saír desta, para intentar asegurarse de que ninguén os está a seguir para subtraerlles o diñeiro que acaban de retirar.
Importante e fundamental é gardar o diñeiro nun sitio seguro, o interior da chaqueta ou un bolso pechado con cremalleira, non saír co sobre na man para evitar que alguén ao descoido llo arrebate e saia correndo. Ademais, recomendan tratar de levar a cabo todas estas xestións acompañado dun familiar.