Sanxenxo reclama á Xunta o arranxo "urxente" dos sucos e fochancas da PO-308
Por Redacción
A conexión entre Sanxenxo e Portonovo a través da PO-308 encóntrase nun mal estado de conservación, segundo o goberno municipal. Os sucos e fochas poboan este vial dificultando a circulación rodada nunha das zonas máis sensibles do municipio.
De aí que o Concello de Sanxenxo reclame á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o arranxo "urxente" da estrada.
Concretamente, o goberno municipal pon en evidencia o precario estado no que se encontra a avenida de León e a rúa Progreso en Sanxenxo, así como a estrada de circunvalación que conduce a Portonovo.
"Trátase dunha vía moi transitada que supón a arteria principal deste municipio e non podemos ter a estrada neste estado, tratándose ademais dun destino turístico de primeira orde como este", comentou o concelleiro de Obras e Infraestruturas, Tino Sanmartín, quen confirmou que "nalgún casos levamos reiterando á Xunta de Galicia esta reivindicación infrutuosamente dende o ano 2012".
O escrito remitido ao departamento autonómico inclúe un informe da Policía Local que contén unha reportaxe fotográfica con dezasete imaxes que corroboran as circunstancias denunciadas.
"Agardamos que por fin sexa atendida esta petición e poidamos ter solucionada esta situación de cara a inminente campaña turística de Semana Santa", comentou o edil.