As obras de ampliación do CIFP Carlos Oroza licitaranse este mesmo ano
Por Redacción
Tras anos de espera, o CIFP terá novas instalacións moi pronto. O recentemente nomeado conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, anunciou este xoves en Pontevedra que o seu departamento ten previsto licitar antes do fin deste curso dúas das fases da ampliación deste centro de estudos relacionados coa hostalería e o turismo.
Con estas obras, segundo o conselleiro, dáse resposta -en colaboración coa Deputación de Pontevedra que cede parte dos espazos necesarios para a ampliación- a unha demanda histórica da cidade do Lérez, "a través dunha solución construtiva axeitada ás necesidades reais do centro e que non supón o gasto innecesario de propostas anteriores".
O obxectivo da actuación, que suporá un investimento de máis de 1,2 millóns de euros, é dar un mellor servizo aos ciclos das familias profesionais de hostalería e turismo e industrias alimentarias.
Para iso, habilitaranse aulas taller nos andares superiores da edificación existente, en concreto taller de lavandería e lencería, taller de recepción, aula de aloxamento, aula de axencia e información turística. Ademais, construirase un edificio de talleres para obradoiro de cociña, taller restaurante, aula de cata, obradoiro de panadería e repostería, obradoiro de pastelería e repostería, e economato.
Segundo explicou o conselleiro, con esta ampliación preténdese dar pulo ao excelente capital humano co que conta o CIFP Carlos Oroza, cunhas instalacións da máxima calidade "coas que seguir avanzando no camiño cara a vangarda e a excelencia".
CAMPIONATO DE SUMILLERÍA
O anuncio da licitación destas obras produciuse durante o acto de entrega de premios do II Campionato de Sumillería Suso Domínguez, organizado polo CIFP Carlos Oroza.
Contou coa participación dun total de 11 centros, entre os que se contan centros educativos que imparten en Galicia ensinanzas da familia profesional de hostalería e turismo, así como a escola da Armada española ESENGRA (Ferrol) e as escolas de Viana do Castelo e Coimbra.
Os gañadores desta segunda edición terán a oportunidade de recibir bolsas de formación para realizar o Curso de Especialización en Barman Profesional, impartido polo Instituto Galego do Viño, e estadías de prácticas en hoteis de prestixio da cadea Eurostars Hotusa.
Relacionadas:
-
Licitan por 1,6 millóns de euros a primeira fase da ampliación do Carlos Oroza
Por Redacción |
-
A ampliación dos institutos Carlos Oroza e Xunqueira acometerase este verán
Por Oskar Viéitez |
-
O concelleiro de Educación cre que as obras prometidas para o Carlos Oroza son "proxectos virtuais" do PP
Por Redacción |
-
Os alumnos da Escola de Hostelería Carlos Oroza saen ao monte na procura de cogomelos
Por Redacción |
-
Cociña asturiana cun 'toque' pontevedrés, menú do Carlos Oroza para os premios Príncipe de Asturias
Por Alejandro Espiño |
-
Educación enviará ao Concello de Pontevedra o proxecto de ampliación do Carlos Oroza "cando estea rematado"
Por Oskar Viéitez |