Condenan a nove anos de prisión unha viúva por intentar degolar a exmuller do seu marido
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta de la Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de condenar a nove anos de prisión por un intento de homicidio á veciña de Silleda, María Sara Darriba de Jesús, por tratar de degolar a primeira muller do seu marido xa falecido. A acusación particular atribuía á muller un delito de asasinato en grao de tentativa, pero o tribunal condénao por un intento de homicidio e non polo delito más grave de intento de asasinato.
O tribunal impón unha pena superior á solicitada pola Fiscalía que pedira sete anos de prisión. Ademais a sentenza condena a acusada a indemnizar a vítima, Lucila Esther Ramos Domínguez, con 29.115 euros polos días de curación, incapacidade e secuelas; e, en 30.000 euros por dano moral. E ao Sergas na cantidade de 19.210,36 euros polos gastos de asistencia hospitalaria da vítima.
Tamén prohibe á condenada achegarse a menos de 500 metros ou comunicarse con durante un período de dez anos coa sua vítima.
A sentenza considera "feitos probados" que a acusada, María Sara Darriba de Jesús, de 58 anos e sen antecedentes penais, co propósito de rematar coa vida de Lucila Esther Ramos Domínguez de 71 anos de idade, concertou unha cita con ela co pretexto de facerlle entrega duns discos de zarzuela que pertenceran ao que fora esposo de ambas as dúas, falecido no ano 2007, convindo que se os levaría á súa casa o venres, 1 de febreiro de 2013.
No día convido, a acusada trasladouse dende o seu lugar de residencia en Silleda ata a localidade da Caeira-Poio, lugar de residencia da vítima. Tras chamar á porta e serlle franqueada a entrada á vivenda, portando un coitelo na man, dirixiuse a Lucila que, asustada ao ver o coitelo, berro o nome do seu fillo Jaime para facer ver que non estaba soa, momento no que, a acusada, sabendo que non había máis persoas na vivenda, lle dixo "ni Jaime ni Jaima" e abalanzouse sobre ela.
Lucila intentou defenderse e quitarlle o coitelo, pero a acusada logrou asestarlle un profundo corte no pescozo, comezando a sangrar abundantemente, caendo ao chan e perdendo a consciencia. A acusada, tras o feito, abandonou inmediatamente o lugar regresando a Silleda no seu vehículo Mercedes.
Cando a vítima recobrou a consciencia, taponou a ferida como puido e logrou chamar por teléfono a empresa familiar para pedir axuda.
Entre outras probas os maxistrados pontevedreses teñen en conta que os repetidores de telefonía de Vodafone sitúan a acusada o día do suceso na zona da Caeira, ademais a Garda Civil encontrou perfís xenéticos compatibles coa vítima e coa acusada na moldura da porta esquerda do coche da condenada, e unha cámara de seguridade dunha vivenda da Caeira recolle a imaxe do coche de María Sara Darriba.
Os investigadores do Instituto Armado sinalaron que o móbil deste homicidio foi a pensión de viuvez que se tiñan que repartir entre ambas as dúas, unha circunstancia que se puxo de manifesto durante a comparecencia xudicial, como sostiveron a Fiscalía e a acusación particular.