Dous anos de prisión por romperlle tres dentes a outro mozo ás portas de 'Tropicana'
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O mozo de orixe marroquí Brahim B. recoñeceu este xoves que en abril do ano 2013 deu unha cabezada e patadas a outro mozo nas inmediacións da discoteca 'Tropicana' da rúa Benito Corbal no transcurso dunha pelexa rexistrada ás 4.25 horas da madrugada na que lle rompeu tres dentes.
O rapaz sentouse no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra para render contas por un delito de lesións que el mesmo recoñeceu que cometera. Xa ao inicio da vista oral asumiu a culpabilidade, pero o xuízo tivo que celebrarse de todos os xeitos para xulgar a súa responsabilidade civil e a multa e indemnización que deberá pagar á súa vítima.
Coa súa propia conformidade, Brahim B. será condenado a dous anos de prisión aínda que inicialmente o fiscal pedía catro anos de condena. A responsabilidade deberase establecer na sentenza, pois as partes non se poñen de acordo sobre o alcance das lesións e a acusación particular que exerce a vítima reclama danos que a defensa considera que xa eran previos á agresión.
O fiscal mantén que, como consecuencia da agresión, a vítima sufriu feridas que tardaron en curar 10 días non impeditivos e sufriu fractura dos dous dentes incisivos superiores dereitos e unha de menor entidade no incisivo lateral inferior dereito.
O fiscal pedía inicialmente que fose condenado a pagar unha indemnización ao prexudicado con 320 euros polas lesións e 2.477 euros polas secuelas. Tras a celebración do xuízo, no que declarou a dentista que atendeu á vítima e explicou que mesmo necesitara unha intervención por parte dun cirurxián maxilofacial, elevou esa indemnización.
A acusación particular eleva esta indemnización ao pedir que pague á vítima 720 euros polos días que estivo de baixa laboral, 2.477 euros polas secuelas que lle quedaron, 4.341 euros pola reparación dos danos e 10.000 euros máis por danos morais.