A horta urbana das rúas Peregrina e Daniel de la Sota será eliminada
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra suprimirá a horta urbana das rúas Peregrina e Daniel de la Sota.
Segundo explicou o concelleiro de obras, Luis Bará, nas próximas semanas arranxarase esta "discordancia" existente entre o deseño desta zona e o gran tránsito peonil que provoca "unha invasión dous espazos adicados a xardíns".
Eliminarase a zona axardinada para facer uns alcorques arredor das árbores aumentando a zona de paso para os transeúntes "era imposible protexer os xardíns", sinalou o concelleiro respecto aos intentos fallidos de sacar adiante estas hortas urbanas.
Tan só se manterá o espazo axardinado máis próximo á rúa Andrés Muruais.
Ademais Luis Bará, deu conta este luns dun calendario de pequenas obras e pavimentacións, algunhas a punto de ser rematadas como a reparación da beirarrúa afundida na rúa Irmáns Nodales, por uns 10.000 euros de presuposto.
Nos próximos días recolocaranse as lastras da rúa Alfredo García Alén, por 15.000 euros e repararanse as baldosas rotas na Avenida de Vigo (fronte ao Supermercado Froiz), por 30.662 euros.
Tamén se proxectan arranxos nas Rúa Nova de Arriba e de Abaixo, nas que se farán tarefas de mantemento no empedrado da rúa.
PAVIMENTACIÿNS
Luis Bará anunciou que dende as 10.00 horas deste mércores 25 e ata o venres 27 se acometerá a pavimentación da intersección da Ponte do Burgo coa Avenida de Uruguai, para reparar a xunta de dilatación. Manterase a circulación aínda que será necesario pechar un carril ao tráfico.
Obras na rúa Carrasqueira: obras de reparación de asfaltao na rúa Carrasqueira. As obras comezarán o xoves, 26 de febreiro, ás 15.00 horas finalizando o propio día. Anúlase parte do estacionamento e péchase a circulación de vehículos pola rúa.
Obras na rúa Italia: Obras de reposición de asfalto na rúa Italia no barrio de Monte Porreiro. As obras comezarán o xoves, 26 de febreiro, ás 09.30 horas. Quedarán finalizadas na propia mañá.
Obras en Padre Fernando Olmedo. Inicio o venres 27 de febreiro, ás 09.30 horas. Non implica o corte da rúa pero si a retirada de estacionamento. As obras rematarán sobre as 13.30 horas. Obras de reposición de asfalto.
Obras na rúa da Seca para a reposición de asfalto. Comezarán ás 15 horas do sábado 28. Darase paso alternativo aos vehículos no punto de corte. As obras finalizarán na mesma tarde.
Obras na Glorieta de Xosé Malvar - Loureiro Crespo. Comezarán o sábado 28 ás 8:00 horas finalizando ao longo da mañá. Se produciran cortes e desvíos da circulación de vehículos polas rúas estremeiras.