O comercio de Pontevedra anima o Nadal con premios
Por Diego Espiño
"Un Nadal para todos" é a campaña de promoción do comercio local que un ano máis pon en marcha a Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa (AEMPE) en Pontevedra.
Todos os compradores nos establecementos asociados dende o 21 de decembro ata o 31 de xaneiro participarán nun sorteo diario de premios de 50, 100 e 150 euros e un extraordinario ao final da campaña no que se repartirán 300, 500 e 1.000 euros.
Para poder entrar nos sorteos os consumidores deberán introducir un código promocional na web www.aempe.com ou no cubo de información turística da cidade e conservar o ticket de compra. Os premios deberán gastarse nos establecementos participantes en compras non inferiores a 30 euros nin superiores a 200.
Chamamento á solidariedade dos pontevedreses
AEMPE quere sumarse tamén á onda de iniciativas solidarias activando unha recollida de xoguetes, alimentos e roupa que se repartirán entre as asociacións que o necesiten a través de Protección Civil. Todos os interesados poderán depositar as súas achegas no punto de información turística situado na Praza de España de Pontevedra.