Novo éxito de Stock Pontevedra: máis de 18.000 persoas en tres días
Téxtil e calzado foron os produtos máis demandados da feira Stock Pontevedra 2015 que pechou as súas portas este domingo no Recinto Feiral tras tres días de intensa actividade. Un evento que volveu captar o interese de miles de pontevedreses e veciños dos demais concellos da bisbarra.
Nun primeiro balance por parte da organización da feira, o Centro Comercial Urbano Zona Monumental, calcúlase que este ano pasaron por Stock Pontevedra unhas 18.000 persoas, un número similar ao da edición anterior e que volve demostrar que se trata dunha das feiras máis consolidadas das que se celebran na cidade. De novo, a xornada do sábado foi a que reuniu a máis público.
Durante estes tres días, sesenta expositores ocuparon todo o espazo previsto para esta mostra no Recinto Feiral, máis de 4.500 metros coas mellores oportunidades en téxtil con moda de home, muller, nenos, lenzaría, calzado ou peletarías, ademais de negocios de alimentación, confección, óptica, decoración ou material de cociña.
Con Stock Pontevedra, os comerciantes locais lograron o obxectivo de liquidar o stock, facer sitio nos seus almacéns e, por suposto, mellorar os seus ingresos nesta época de rebaixas. Segundo destacaron os seus organizadores, a feira contou con maior variedade de produtos que nunca.
Moi boa acollida tiveron tamén os servizos de cafetaría e gardaría, que permitiu aos pais facer as súas compras mentres os seus fillos estaban ben coidados.