Sanxenxo dixitalizará a maior parte dos fondos documentais do arquivo municipal
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo dixitalizará a maior parte dos fondos documentais do arquivo municipal, a través do proxecto DepoTIC promovido pola Deputación de Pontevedra e financiado nun setenta por cento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
A Administración local poderá ofrecer á cidadanía "un servizo de consulta máis accesible e sinxelo", sinalaron dende o Goberno sanxenxino.
As tarefas, que se estenderán ao longo dun período máximo de seis meses, serán realizadas por un equipo humano e técnico dos servizos de Patrimonio Documental e Bibliográfico, así como de Novas Tecnoloxías, do organismo provincial, que se desprazará á Casa Consistorial para acometer estes traballos.
Actualmente, o arquivo municipal ocupa un espazo de 229 metros cadrados que albergan os máis de 36.000 expedientes que integran a historia administrativa do Concello de Sanxenxo clasificados en 7.535 cartapacios. Entre eles destaca o expediente máis antigo que se trata dun libro de intervención datado de 1880 e outros curiosos como aqueles referidos a disputas veciñais pola propiedade dun froiteiro ou os lindes.
A maioría dos documentos emprazados no soto da Casa do concello son expedientes urbanísticos, ao redor de 14.000 exemplares, posteriores ao ano 1939; ademais de expedientes de intervención e correspondencia, entre outros, que están distribuídos nunha sala con seis vagóns móbiles compactos compostos de 12 estantes con cabida para 6.000 carpetas.
Para acceder a algunha da documentación existente, os interesados deben cubrir previamente unha instancia e acudir en horario de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres.