Doce uvas, doce recortes. Os funcionarios tomarán as uvas por adiantado
Por Oskar Viéitez
Os funcionarios da sede administrativa da Xunta en Campolongo celebrarán o Fin de Ano por adiantado.
Será o venres día 21 no Edificio da Xunta. Tomarán as doce uvas "unha por cada recorte que sufrimos este ano", explícanos Isabel Martínez Epifanio, de CIG, que xunto ao resto de forzas sindicais convocan esta protesta que, polo momento, non conta con autorización.
Aproveitarán a pausa para o café pero necesitan permiso para poder levar a cabo a concentración no vestíbulo do edificio administrativo.
A das uvas será outra das orixinais e solidarias movilizacións que están levando a cabo os empregados públicos da Xunta.
Empezaron concentrándose "cun café na man" e pronto se puxeron a recoller alimentos, roupa, calzado, xoguetes, en solidariedade con aqueles cidadáns "que sofren a cara máis dura desta crise económica, social e política".
Non rematan aquí os xestos solidarios, para o vindeiro xoves, 20 de decembro pediron que unha unidade móbil do Centro de Transfusións de Galicia se desprace ata Campolongo para que os funcionarios doen sangue.