Un falecido e tres feridos nunha colisión entre tres coches en Vilagarcía
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha persoa faleceu e outras tres resultaron feridas a consecuencia dun accidente de circulación rexistrado na noite deste venres en Vilagarcía de Arousa.
O sinistro rexistrouse sobre as 22.31 horas na estrada N-640 no acceso ao Porto de Vilagarcía, a pouca distancia do desvío cara ao Hospital do Salnés. Nun primeiro momento produciuse un choque entre dous coches e pouco despois viuse implicado un terceiro vehículo.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias 112, os bombeiros de Vilagarcía excarceraron a tres persoas, entre elas a que resultou falecida, ao quedar atrapadas no interior dos vehículos nos que viaxaban.
Ao lugar desprazáronse dúas ambulancias asistenciais e persoal sanitario do PAC de Vilagarcía, que atenderon a catro persoas. Unha delas xa faleceu no punto do accidente e as outras tres foron trasladadas ao Hospital do Salnés.
Ata o momento non transcendeu a identidade do falecido, pero si dos tres feridos atendidos polo 061, todos eles varóns novos. Trátase de D.R.V., de 20 anos; J.R.V., de 21; e P.P.M., de 23.
A consecuencia do impacto, os dous coches que chocaron inicialmente quedaron totalmente esnaquizados e rexistráronse importantes dificultades circulatorias en dirección ao centro de Vilagarcía que se prolongaron ata primeira hora da madrugada.
No accidente foi necesaria a intervención de axentes da Garda Civil de Tráfico e de efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias de Vilagarcía. O Centro de Atención ás Emerxencias tamén informou ao persoal do servizo de limpeza e mantemento da estrada do Ministerio de Fomento que se encargou das tarefas de limpeza e sinalización da vía.