O kamikace do Touareg enfróntase aos fotógrafos e ten que ser reducido pola policía nos xulgados da Parda
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Felipe S.D., o mozo pontevedrés que sentaba na mañá deste xoves 29 de xaneiro no banco dos acusados nos xulgados da Parda, tivo que ser reducido por catro axentes da Policía Nacional cando no momento en que a xuíza declarou audiencia pública, o imputado que se encontraba esposado revolveuse intentando marchar da sala ao comprobar que os fotógrafos realizaba o seu traballo tentando recoller unha instantánea da súa cara. Nese momento, os catro axentes que se atopaban na sala reduciron o acusado e levárono a unha sala adxacente. Felipe S. D. berraba que el non volvía entrar se permanecían os fotógrafos pero a xuíza ordenou a súa entrada na sala e indicoulle que previsamente acordaran a presenza da prensa durante a vista oral sen que se manifestara ningunha oposición.
Felipe S.D. enfróntase a unha petición de pena de prisión por 14 anos tras ter protagonizado unha rocambolesca fuxida polo centro de Pontevedra o 11 de outubro de 2013 ao escapar da Policía conducindo un Volkswagen Touareg que roubara. Durante a fuga causou danos en 17 coches, ademais dos que provocou no vehículo que conducía. Felipe abandonara o Touareg na rúa Arcebispo Malvar e fuxiu a pé. Ao día seguinte era detido en Poio e se lle acusaba dun amplo número de delitos previos á persecución entre os que destacaban diversos roubos e furtos, entre eles, o dun furgón funerario.
No banco dos acusados tamén sentaba Jesús O.A. para quen o Fiscal pide 20 anos e 9 meses de prisión por un furto, un roubo con violencia, un roubo con intimidación e unha falta de lesións. Pola contra, o xuízo non puido desenvolverse ante a ausencia de Diana Isabel D.V., a muller de nacionalidade portuguesa a quen se lle piden dous anos e seis meses por un delito de roubo con intimidación acompañando a Felipe S.D. Segundo o avogado da defensa da imputada, Javier Picallo, foi imposible localizala durante os últimos dez días. Agora se atopa en busca e captura e a vista oral, a petición do fiscal, quedou aprazada para o 25 de febreiro ás 10.00 horas.
No momento en que os acusados abandonaban a sala, Felipe S.D. volveu enfrontarse cos profesionais gráficos dos medios de comunicación proferindo insultos e ameazas mentres era reducido, de novo, pola policía. Os axentes lograron que se retirase da sala da vista oral sen que se rexistraran más incidencias.
Este mozo pontevedrés conta cun amplo historial delictivo e leva dende que se produciron os feitos en prisión. Se lle relaciona co consumo de substancias estupefacientes.
Relacionadas:
-
Condenan a cinco anos de prisión ao kamikaze do Touareg
Por Oskar Viéitez |
-
O kamikace do Touareg chega a xuízo por un regueiro de delitos e enfróntase a 14 anos de cárcere
Por Natalia Puga |
-
Ingresa en prisión o perigoso delincuente que fuxíu da Policía polas rúas de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Buscan un perigoso delincuente que fuxiu por toda a cidade nun coche roubado e a pé
Por Natalia Puga | Creada e actualizada