Viaxe formativa para coñecer a tradición viticultora da D.O. Rías Baixas
Por Redacción
Coñecer in situ a tradición viticultora das Rías Baixas é o obxectivo da viaxe organizada polo Instituto Galego do Viño para o próximo día 10 e que está destinado a complementar a formación teórica que reciben os alumnos do Curso Superior de Sumiller Profesional que se desenvolve dende outubro na Cidade da Cultura.
Esta iniciativa estará aberta ademais a todas aquelas persoas que desexen internarse na experiencia de profesionais dunha zona marcada pola cultura viticultora, a través da visita a algunhas das súas adegas de maior tradición e que cultivan viñas centenarias.
Os participantes nesta acción terán a oportunidade de catar no corazón do Salnés os recoñecidos viños DO Ferreiro, destacados entre os mellores brancos do país, da man de Gerardo Méndez.
Pola súa banda, Rodrigo Méndez achegará os asistentes á salinidade e ás particularidades dos viños de Forxas do Salnés e tamén dos que elabora nas súas propias instalacións. A visita incluirá un percorrido a Lagar de Pintos, unha adega familiar con varias xeracións dedicadas á viticultura.
Esta viaxe formativa terá un custo de 75 euros, que incluirán desprazamentos, comida en Lagar de Pintos, visitas, seguros e guía por persoal do Instituto. Os membros do Club de Alumnos do INGAVI contarán cun 40% de desconto sobre o prezo inicial.
Para sumarse a esta proposta será necesario confirmar a inscrición antes do 6 de febreiro na dirección de correo electrónico xefaturaestudos@insitutogalegodovino.com.