Fole pedirá ao subdelegado do Goberno máis medios para a Comisaría de Vilagarcía
Por Redacción
O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tomás Fole, mantivo durante a mañá deste mércores 28 unha reunión con tres representantes da Unión Federal de Policía (UFP), Javier Garrido, Carlos Rodríguez e Agustín Vigo. Dende este sindicato policial transmitiron ao rexedor a necesidade de que se dote de máis medios ás comisarias da provincia, en xeral, e á de Vilagarcía en particular.
O alcalde, compartindo boa parte dos argumentos expostos polos sindicalistas, comprometeuse a trasladar esas ideas ao subdelegado do Goberno en Pontevedra e tamén á Xunta de Galicia.
Algúns dos temas que se trataron na reunión centráronse na situación actual do equipo de Vilagarcía, na posibilidade de utilizar as comisións de servizo como un medio de incrementar o número de axentes provisionalmente e na creación dunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) en Pontevedra, independente da de Vigo para que desta forma conte con máis opcións para atender a zona de Vilagarcía e do Salnés.