Tráfico presume da 'Zona 30' de Pontevedra comparándoa con París, Edimburgo e Milán
Por Alejandro Espiño
Milán súmase ás cidades que, como Pontevedra, aplicarán a zona 30 como medida para mellorar a seguridade vial, priorizar os desprazamentos peonís, reducir a contaminación e minimizar o risco de accidentes. Entrará en vigor o próximo mes de marzo e, ao fío desta noticia, a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) recorda o exemplo que nesta materia supuxo a cidade do Lérez para cidades como París ou Edinburgo.
Así o fixo a través da súa conta oficial en Twitter, onde a DGT celebra que a zona 30 vaia gañando adeptos nas cidades europeas, apoiándose na Estratexia Europea de Seguridade Vial 2011-2020.
Esta política, na que Pontevedra foi pioneira ao ser a primeira cidade que limitou a velocidade a 30 km/h en todas as súas rúas, inscríbese -destaca o organismo estatal- dentro dun incremento deste tipo de zonas de velocidade reducida nas principais cidades europeas.
Esta non é a primeira vez que a DGT gaba o modelo de cidade que se aplicou en Pontevedra en materia de seguridade vial.
As medidas postas en marcha polo goberno municipal protagonizaron, entre outros méritos, numerosos espazos na revista que edita este organismo dependente do Ministerio do Interior e Pontevedra explicou a súa experiencia en numerosos foros, invitada pola propia Dirección Xeral de Tráfico.
A súa actual directora, María Seguí, comprometeuse ademais a visitar en próximas datas unha cidade á que chegou a cualificar como "exemplo do que debe ser unha cidade segura e sostible".
Relacionadas:
-
A DXT asume o modelo de Pontevedra
Por Redacción |
-
A directora xeral da DGT felicita o alcalde de Pontevedra polo Dubai Award
Por Redacción |
-
Lores analiza os logros da 'cidade 30' nun foro de mobilidade celebrado en Bilbao
Por Redacción |
-
Ramón Ledesma, 'alma mater' do carné por puntos: "El modelo de Pontevedra está cogiendo velocidad en Europa"
Por Alejandro Espiño |
-
María Seguí, directora da DGT, visitará Pontevedra en febreiro para coñecer o modelo de cidade
Por Alejandro Espiño |
-
A DGT mira cara Pontevedra para regular a mobilidade peonil e ciclista no seu novo código
Por Alejandro Espiño |