As chuvias regresan ás Rías Baixas e permanecerán ata o domingo
Por Redacción
A profunda borrasca situada no mar do Norte e o anticiclón situado nos Azores provocará unha diferenza de presión que provocará un corredor de ventos moi intensos de compoñente oeste durante este xoves 29 de xaneiro. Os ceos encontraranse cubertos, con chuvias xeneralizadas en toda Galicia, que serán especialmente persistentes e intensas en zonas altas. As temperaturas mínimas experimentarán un moderado ascenso. Os ventos soprarán fortes no litoral, segundo o servizo de MeteoGalicia.
Para o venres 30 non se agardan cambios significativos, xa que Galicia continuará con ventos intensos de compoñente oeste que achegarán nubes e precipitacións durante toda a xornada. Os ceos estarán cubertos con chuvias persistentes e xeneralizadas. As temperaturas mínimas ascenderán entre lixeira e moderadamente, mentres que as máximas non rexistrarán cambios. Os ventos soprarán do oeste, fortes en todo o litoral e moderados no interior con intervalos fortes en zonas altas.
Durante o sábado, un corredor de isóbaras propiciará a entrada dunha masa de aire frío procedente do norte de Islandia. O tempo está determinado polos chuvascos intermitentes, ocasionalmente acompañados de sarabia ou de aparato eléctrico. As temperaturas descenderán entre lixeira e moderadamente. Os ventos soprarán do noroeste, fortes no litoral.