Pontevedra estréase en Fitur tratando de atraer máis cruceiristas á cidade
Por Redacción
Intentar atraer máis cruceiristas a Pontevedra. Foi o primeiro paso que deu a concelleira de Turismo, Carlota Román, dentro da Feira Internacional de Turismo (FITUR) na que a cidade conta cunha ampla presenza este ano.
A responsable municipal tivo un primeiro contacto co consignatario coruñés Rubine e Hijos, que move cruceiros por varios portos galegos, co que departiu sobre as peculiaridades deste tipo de turistas. As xuntanzas continuaron pola tarde con novos contactos con axencias e maioristas.
Carlota Román explicou os esforzos que está a realizar Pontevedra por captar cruceiristas dende o porto de Vigo e intercambiou opinións sobre o impacto da crise neste sector, tradicionalmente vinculado ao turismo de alto poder adquisitivo.
Nestas primeiras horas da feira, a edil socialista subliñou a animación que parece percibirse este ano no evento, no que se nota una maior afluencia que en anos anteriores. De todos os xeitos, lembra, a xornada deste mércores está máis enfocada aos profesionais, dado que o acceso do público en xeral se reserva para a fin de semana.
O principal acto promocional de Pontevedra no marco de Fitur será a gala gastronómica que se ofrecerá na noite do xoves, a un cento de profesionais do turismo, da comunicación e da empresa na terraza do hotel ME Meliá. Alí estarán os oito cociñeiros e barmans gañadores do concurso de PontedeTapas, que se converten así en embaixadores de Turismo de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Pontevedra intenta posicionarse como destino de excursións dos turistas de cruceiro
Por Redacción |
-
Pontevedra tamén 'namora' a Fitur co seu aclamado potencial gastronómico
Por Redacción |
-
Pontevedra presumirá de gastronomía en Madrid con motivo da feira Fitur
Por Alejandro Espiño |
-
As Rías Baixas venderán en Fitur o seu "sabor a festa"
Por Oskar Viéitez |