Salta o muro dunha casa en Ponte Sampaio, forza unha fiestra e leva 575 euros en ferramentas
Por Redacción
Un veciño de Ponte Sampaio escoitou un ruído estando dentro de casa, asomouse á fiestra e sorprendeu un individuo que saltaba o muro do terreo de acceso á vivenda, dunha altura de 1,70 metros, portando dous maletíns. Acababa de ser vítima dun roubo con forza polo que xa hai unha persoa detida.
Segundo informou a Policía Nacional, por estes feitos detiveron un veciño de Pontevedra de 42 anos con antecedentes policiais como presunto autor dun delito de roubo con forza. Foi arrestado a poucos metros da vivenda que supostamente roubou froito dunha batida realizada polas inmediacións da casa polos axentes que acudiron ao lugar.
Os feitos producíronse este martes 27 de xaneiro no lugar de Souto, na parroquia de Ponte Sampaio. O dono da casa viu o individuo sospeitoso e nese momento chamou á Comisaría. Unha patrulla desprazouse ao lugar e realizou unha inspección na vivenda na que comprobou que unha das fiestras corredizas da parte baixa da casa se encontraba forzada.
Tras solicitar datos no lugar, descubriron que o propietario botaba en falta dous maletíns con ferramentas no seu interior valoradas en 575 euros.