Marín declara a guerra á superpoboación de gaivotas e pombas
Por Diego Espiño
O Concello de Marín prepara unha campaña de información para comunidades de veciños sobre o control e retirada de niños de gaivotas e pombas dos tellados.
"Están empezando a ser un problema y queremos frenarlo", explica a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, tras recibir queixas de hostaleiros, centros escolares e veciños provocadas pola sobrepoboación destas aves.
Problemas nas baixantes dos edificios ou incomodidades nas terrazas dos locais de hostalaría son as principais protestas recibidas.
Antes de actuar, o goberno municipal encargou un estudo á empresa especializada Larus Control, a mesma que realizou unha campaña similar en Pontevedra, que fixou nun número próximo a 400 as pombas que habitan no centro urbano, ás que se suman 60 parellas de gaivotas que aniñan en tellados de Marín durante todo o ano.
Marián Sanmartín: "Están empezando a ser un problema y queremos frenarlo"
Estes números "pueden llegar a duplicarse" nos meses de verán e cos edificios deshabitados que non se puideron inspeccionar.
Por todo iso Marín destinará algo máis de 13.000 euros en informar os veciños e nunha primeira retirada de niños "con métodos ecológicos que no dañan al animal", sinalou Sanmartín.
Trátase de realizar as tarefas de control da poboación de xeito gratuíto para as comunidades veciñais o primeiro ano, pero despois cada edificio deberá facerse cargo do mantemento.
A retirada de pombas realizarase durante todo o ano, mentres o traballo coas gaivotas centrarase entre os meses de maio a agosto, cando a súa poboación é maior.
Esta campaña diríxese exclusivamente aos veciños de Marín, aínda que dende o Concello recoñecen que é necesaria a implicación do Porto, que xa conta con programas de actuación neste aspecto.
Para calquera consulta a empresa encargada dos traballos habilitou o teléfono 654 831 848.