O sector rebélase contra as gasolineiras autoservizo
Por Redacción
Pontevedra acolleu este martes unha reunión entre a patronal do sector das gasolineiras e os sindicatos Comisións Obreiras e UGT, celebrada na sede da rúa Rosalía de Castro e na que se deseñou unha estratexia contra as gasolineiras sen empregados.
En primeiro lugar dirixiranse á Consellería de Industria da Xunta alertando dos efectos negativos que provocan estas gasolineiras autoservizo que, ao seu xuízo, non só destrúen emprego senón que tamén prexudican aos consumidores, xera inseguridade e mesmo é causa de problemas ambientais.
Esta iniciativa choca frontalmente coa política impulsada pola Xunta de Galicia. O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, cargou en numerosas ocasións contra a "penalización" que soportamos os galegos co alto prezo dos carburantes, o gasóleo máis caro da Península Ibérica, algo que o Goberno galego atribúe á falta de competencia no sector, pois tanto a capacidade de refinado, coma a loxística e a distribución están concentradas basicamente en tres operadores.
Por este motivo o Executivo autonómico ten decidido abrir as portas ás gasolineiras independentes de baixo custo como receita para provocar unha rebaixa no prezo dos combustibles.
Manuel Malvido, de UGT e Víctor Ledo, de CC.OO., insistiron na "destrución de emprego" que supoñerá tal medida, mentres que Víctor García, secretario xeral da Agrupación Española de Vendedores ao por menor de carburantes e combustibles considera que se trata dunha "competencia desleal" e Benigno Redondo, presidente dos empresarios pontevedreses, cualificou a iniciativa da Xunta como "ineficaz" sinalando como "factor clave" ao céntimo sanitario como principal responsable do encarecemento dos carburantes.