Colisión sen feridos entre dous turismos en Caldas
Por Redacción
Efectivos de Protección Civil e a Policía Local de Caldas e de Urxencias Médicas de Galicia 061 tiveron que desprazarse este martes ata a avida Dona Pega deste municipio a raíz dun accidente de circulación no que se viron implicados dous vehículos. Nun primeiro momento se prevía necesaria a evacuación dunha persoa ferida, pero finalmente non houbo que lamentar ningún lesionado.
Segundo informou Protección Civil, o sinistro produciuse arredor das 18.00 horas e consistiu na colisión entre un turismo Ford Fiesta e un Peugeot 306 que circulaban en dirección ao veciño Concello de Portas.
Por causas que se descoñecen, o Ford Fiesta colidiu co Peugeot 306 e deuse aviso á Policía Local e Protección Civil, que desprazaron varios efectivos ao lugar. Pediuse a presenza dunha ambulancia do 061, pero finalmente non foi necesario que interviñese.
A Policía Local instruíu dilixencias polo sucedido e asumiu as tarefas de regular o tráfico, de modo que practicamente non houbo restricións. Pola súa banda, os voluntarios de Protección Civil encargáronse da limpeza viaria ata a retirada dos vehículos por parte do guindastre.