Dan un prazo de tres meses á ONCE para que retome o convenio co Concello
Por Alejandro Espiño
O Concello de Pontevedra está decidido a reclamar á ONCE o cumprimento do convenio asinado hai oito anos. O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, enviou un requirimento ao organismo para que nun prazo de tres meses "pase a cumprir o acordado". No caso contrario, o goberno municipal estudará as fórmulas administrativas e legais oportunas para "ver o futuro que ten" este convenio.
Antón Louro, que apuntou que o Concello "está cumprindo plenamente" este convenio, recordou que o goberno municipal optou neste asunto por traballar no "campo de boa vontade", especialmente ante a complicada situación económica pola que atravesa o país. Neste sentido, reiterou que poñerán todo o necesario pola súa banda para manter este acordo, pero avisa a ONCE que "non estamos por regalar nada".
O edil socialista recordou que, en virtude dese convenio, a ONCE vería recualificado os seus actuais terreos en Campolongo, dos cales 28.000 metros cadrados se destinarían á construción de 288 vivendas. O organismo comprometíase a urbanizar todo o terreo e crear novos viais para mellorar a mobilidade no ámbito de Fernández Ladreda e a avenida de Vigo e "non moveron nin unha palada de terra", lamenta Louro.
Ademais, o Concello -que quedou coa antiga residencia para destinala a usos sociais- cedeu á ONCE unha parcela de 5.000 metros cadrados na unidade de actuación 18, comprendida entre Eduardo Pondal, 12 de novembro e Joaquín Costa, para a construción do seu novo centro de recursos educativos e un aparcadoiro soterrado. O responsable de Urbanismo afirmou que, ao final, "nin unha cousa nin outra".
CRÍTICAS DO PARTIDO POPULAR
Para o Partido Popular, este convenio coa ONCE é un novo "fracaso" do goberno municipal. Os concelleiros Pablo Fernández e Ricardo Aguilar denunciaron que, despois de nove anos de xestión, este asunto sen resolverse e coa "agravante" dos 200.000 euros investidos na rehabilitación da antiga residencia para convertela nun centro social para colectivos da zona sur da cidade.
Entenden que este convenio "vuelve a evidenciar las disputas" entre os socios de goberno, xa que mentres o BNG "promete locales" a diferentes colectivos, o PSdeG-PSOE "tira de la cuerda hacia otro lado y amenaza con la resolución del contrato". Para os populares queda claro que os dous socios do bipartito "no hablan entre ellos", unha consecuencia, sinalaron, de ter un goberno de dous partidos "que no se entienden".