O colexio Marcos da Portela, próxima parada do 'transformer' que achega a arte aos nenos
Por Redacción
Pontevedra pechará o percorrido por España do Museo Móbil (MuMo), unha iniciativa educativa que chega avalada polo éxito tras o seu paso por varios países de Europa e África. Esta orixinal proposta, concibida para achegar a arte contemporánea aos rapaces e promover a sensibilidade e a interculturalidade entre os cativos de todo o mundo, visitará o colexio Marcos da Portela os próximos días 29 e 30 de xaneiro.
O MuMo é un museo itinerante que se articula ao redor dun colector industrial despregable transportado por un camión. Esta iniciativa naceu en Francia no ano 2011 e dende entón tamén percorreu Camerún, Costa de Marfil, Bélxica, Mónaco e Suíza. Está en España dende o pasado mes de setembro e recalou nas cidades de Barcelona, Zaragoza, Madrid, Valladolid e Vigo. A súa última etapa española será en Pontevedra.
Consiste nun espazo físico que se desprega e deixa ao descuberto catro espazos diferenciados que mergullan aos nenos no mundo da pintura, escultura, instalación, vídeo e deseño. No caso de Pontevedra, ocupará a rúa Grecia durante o xoves e o venres desta semana, polo que haberá restricións de tráfico nesta zona durante a fin de semana. O propio vehículo é un auténtico espectáculo moi valorado polos máis cativos, pois desprégase ao xeito dun transformer.
No interior hai obras de 14 artistas, con pezas especialmente creadas para conectar cos rapaces. Os traballos pertencen a Eija-Liisa Ahtila, Ghada Amer, John Baldessari, Miquel Barceló, Daniel Buren, Maurizio Cattelan,Sébastien Cordoleani, Florence Doléac, Pierre Huyghe, Paul McCarthy, Farhad Moshiri,Roman Signer, James Turrell e Nari Ward.
O MuMo é un espazo pensado e concibido para os nenos, de tal xeito que as súas dimensións interiores, aconsellan que se restrinxan as visitas á franxa entre os 6 e os 12 anos de idade. Deste xeito, non está permitido o acceso aos adultos, aínda que en Monte Porreiro haberá unha excepción cunha sesión especial para a que xa hai listaxe de espera. A experiencia dura 45 minutos e estrutúrase en grupos de 14 rapaces.
Está xestionado polo Fondo de Dotación en Movemento "L'Art à la Enfance", ao que pertencen á Rede de Escolas Asociadas á Unesco (dedicada a desenvolver proxectos e prácticas educativas innovadoras) e o Movemento Internacional ATD Cuarto Mundo (centrado na loita contra a extrema pobreza). A creación deste museo interactivo foi unha iniciativa dun dos mecenas do fondo, a Fundación Daniel e Nina Carasso, en memoria do fundador de Danone e da súa muller.